+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

O alcalde Andrés Díaz asina o traspaso da xestión da EDAR de Ponte Caldelas á Xunta de Galicia e pedirá amparo para o traballador que exercía as súas funcions nela


O Concello de Ponte Caldelas aforrarase uns 140.000 euros de custo dun servizo que resulta moi deficitario para o erario municipal

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asinaron o convenio definitivo que certifica o traspaso da explotación e xestión da depuradora de Ponte Caldelas á Xunta de Galicia tal e como se aprobarara por unanimidade da Corporación Municipal nun Pleno celebrado en xuño do ano pasado.

En virtude do convenio agora asinado coa Administración Autonómica, a xestión da depuradora municipal de Ponte Caldelas pasará a ser asumida pola Xunta de Galicia. O mantemento das distintas Depuradoras do municipio superan, na actualidade, os 200.000 euros anuais, dos cales só a EDAR de Ponte Caldelas, que dá servizo á zona urbana, Caldelas e Pazos, rolda os 140.000 euros de custo.

Precisamente esta medida suporá un aforro importante para as arcas municipais, posto que o que se recada coa taxa de depuración apenas suma os 27.000 euros ao ano, fronte aos preto de 140.000 euros que custa o seu mantemento.

O feito de que a depuradora municipal sexa xestionada pola Xunta non suporá alteración ningunha sobre o recibo que pagan os cidadáns xa que o Concello de Ponte Caldelas aplica, dende xaneiro de 2013 no recibo da rede de sumidoiros, o coeficiente de verquedura ou taxa de depuración, aprobada pola Xunta o pasado ano e que ten por obxecto contribuír ao sostemento das depuradoras.

INCIDENTE CO TRABALLADOR DA EDAR: O ALCALDE PEDIRÁ Á XUNTA MEDIDAS DE PROTECIÓN LABORAL PARA QUE NON QUEDE DESASISTIDO

Por outra banda, momentos antes da sinatura do convenio de cesión da xestión da EDAR o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, atendeu o requerimento do único traballador de Viaqua nesta instalación que ao ser cedida a súa xestión á Xunta pasará a realizar labores de mantemento outra empresa, Extraco, quen lle manifestou ao operario que non se consideraba obrigado a subrogalo á súa plantilla xa que no prego de condicións da Administración Autonómica, ao parecer, non recollería nada de xeito explícito sobre este particular.

Ante esta situación, sobre a que o alcalde manifestou o seu descoñecemento xa que o convenio fora pactado coa Xunta polo anterior rexedor, escoitou as razóns do traballador, que levaba adscrito a esta EDAR desde hai 27 anos (segundo manifestou) e manifestoulle tanto aos representantes da Xunta como da empresa Extraco o seu desexo de enviar un escrito á administración pública informándolle da situación de desamparo no que queda o traballador co fin de que se habiliten fórmulas de protección para o operario.

Seguidamente, achegáronse dous representantes sindicais da CIG que tomaron nota da situación e tomando como testemuñas a tódolos que alí estaban presentes para entregar e recepciona-la xestión da EDAR informaron que iniciarían accións xudiciais para defender os lexítimos intereses do traballador ao que a súa antigua empresa (Viaqua) lle comunica que deixa de pertencer á empresa polo traspaso da EDAR e a nova firma encargada do mantemento (Extraco) non considera que debe asumilo como empregado seu.

O alcalde de Ponte Caldelas, lamentou a situación do operario, amosoulle a súa comprensión e solidarieidade ante este problema, desde un punto de vista humano, e avogou porque impere o sentido común e se lle sexan recoñecidos os dereitos a este traballador, de certa idade xa, e que leva, segundo manifestou públicamente, 27 anos ligado á empresa que se encargaba, ata o de agora, do mantemento da EDAR. Díaz adiantou que estudiará o caso co seu equipo de goberno e os técnicos municipais e remitiralle un escrito á Xunta de Galicia solicitando o amparo para esta persoa.

Deja un comentario