+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

A Xunta amplía a Catoira, Meis, As Neves, A Cañiza e Forcarei as axudas para a posta en marcha de programas de conciliación


A Administración autonómica vén de acometer unha ampliación de crédito nesta liña de axudas, que beneficiará a cinco concellos máis da área territorial
A Xunta de Galicia financiará programas de conciliación doutros 5 concellos da área territorial de Pontevedra, logo de que a Administración autonómica ampliara esta liña de axudas destinada aos concellos. A nivel provincial, tamén se beneficiarán desta ampliación Vigo e Soutomaior.
En concreto, os novos beneficiarios son Catoira, con 10.720 euros, Meis, con preto de 4.000 euros, As Neves con 12.000 euros, A Cañiza con 4.052 e Forcarei con 12.000 euros.
Entre os programas que se desenvolverán se encontran campamentos de verán e de conciliación familiar, programas educativos e de fomento de conciliación en concellos e centros sociais.
Estas novas concesións inscríbense dentro da ampliación de crédito que vén de acometer a administración autonómica na liña de axudas a concellos para programas de conciliación. En toda Galicia, o incremento orzamentario supera os 220.000 euros, co fin de chegar a máis concellos, moi especialmente tendo en conta a demanda rexistrada e o elevado interese que xeran estas accións de conciliación.
Cómpre recordar que o programa de fomento de conciliación non é a única liña de axudas destinada a concellos para a promoción da igualdade. Ademais dela, a Xunta pon a disposición dos concellos galegos outros tres programas de financiamento: de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención e tratamento da violencia de xénero; de financiamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM); e de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Os tres primeiros están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, mentres que o último está financiado ao abeiro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Na provincia de Pontevedra, en total beneficiaranse destas catro ordes de axudas 50 entidades e 53 concellos, cun importe total de subvencións de 1.483.182 euros.
En total, entre a primeira e a segunda concesións recibiron axudas do programa de conciliación un total de 14 concellos (Cerdedo-Cotobade, Arbo, Cuntis, Pontecesures, Redondela, Silleda, Valga, así como Catoira, Neves, Meis, Vigo, Soutomaior, Forcarei e A Cañiza); 18 concellos (Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cuntis, O Grove, A Guarda, Moaña, Porriño, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Soutomaior Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa) recibiron tamén subvencións para a promoción da igualdade, para levar a cabo accións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes, así como actuacións para loitar contra a explotación sexual. Tamén resultaron beneficiarios os 27 Centros de Información á Muller que hai na provincia. E, finalmente, 19 concellos da provincia (Cerdedo-Cotobade, Arbo, Campo Lameiro, Catoira, Covelo, Cuntis, A Guarda, Meis, Mondariz, Moraña, Mondariz- Balneario, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Portas, Pontecesures, Rodeiro, O Rosal e Silleda) recibiron axudas a través do programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade.

Deja un comentario