+034 986 09 02 04 Xoves 29 de Outubro de 2020

O concello de Soutomaior solicitará o cambio de titularidade da Ensenada de San Simón para protexer o sector pesqueiro e marisqueiro local


A medida desafectaría a baía das augas incluídas no porto de Vigo

O pleno municipal de Soutomaior acordou por unanimidade esta mañá instar a varios organismos para transferir a titularidade das augas da enseada de San Simón. O cambio supoñería eliminar esta zona das augas adscritas ao Porto de Vigo e a súa inclusión no Dominio Público Marítimo Terrestre, baixo
a xurisdición da Secretaría Xeral de Costa e Mar.
A moción, presentada polo goberno local a instancia da Confraría de Pescadores de Arcade e a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, supón unha medida de protección para o conxunto ambiental da ría e para as actividades pesqueiras e marisqueiras, de gran importancia para a economía local, fronte a posibles actuacións futuras, como a ampliación do Porto de Vigo proxectada en Punta Chapelisa.
Así, segundo indicou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, a moción aprobada hoxe inclúe solicitar a activación da ZEC (Zona de Especial Conservación) Enseada de San Simón, incluída na Rede Natura 2000 e cualificada pola Unión Europea como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).
“O que aumentará a seguridade de todo o conxunto ambiental da enseada fronte a posibles agresións e garantirá a supervivencia das artes tradicionais de pesca e marisqueo que tanta riqueza e emprego xeran no noso municipio”, finalizou Reguera.
Por último, segundo indicou Reguera, o cambio de titularidade da ZEC da Enseada de San Simón recolle e regula as actividades de marisqueo e cultivo de mexillón dentro dun sistema de xestión sostible. “Isto supón que estamos a defender o futuro e o traballo dos nosos pescadores e mariscadores, e que á vez estamos a protexer o medio ambiente e apostando por un futuro sostible”, explicou o alcalde.

Deja un comentario