+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

«Non toleres as agresións sexuais. Actúa e denuncia» mensaxe contundente da Campaña da Deputación «Eu decido, ti respectas»


 

 

A campaña céntrase este ano nas redes sociais e insiste nas tres ideas: “o silencio non é un si; se a outra persoa está bébeda ou inconsciente, non hai consentimento; e a outra persoa ten dereito a parar en calquera momento”

“Nin a Covid, nin a crise sanitaria poderá evitar que sigamos na loita contra a lacra das agresións sexuais”. Con esta declaración de intencións da presidenta provincial, Carmela Silva, anunciou hoxe o lanzamento da campaña da Deputación “Lembra, eu decido, ti respectas” e “Conta comigo, eu respéctote”, as dúas iniciativas que durante estes anos a institucións realizou en festivais, praias, festas e vilas e cidades. Carmela Silva presentou os dous audiovisuais que este ano son os protagonistas e que, debido á pandemia, centraranse nas redes sociais. “Non queríamos renunciar a unha campaña tan fundamental como esta”, asegurou, “e máis cando os últimos datos do Ministerio de Interior de agresións sexuais indican que hai máis necesidade que nunca¡ de información”. De feito, os delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual aumentaron un 11,3% en España o pasado ano.
“Lembra, eu decido, ti respectas”, dirixida ás mozas, e “Conta comigo, eu respéctote”, dirixida aos mozos, serán neste 2020 “totalmente dixitais”, a través de medios audiovisuais e das redes sociais da propia Deputación, Turismo Rías Baixas e dos Rías Baixas Fest, aínda que se levará tamén aos medios de comunicación e se pedirá a colaboración das persoas para que suban ás redes os seus vídeos “Queremos deste xeito –destacou Carmela Silva- potenciar o impacto da iniciativa, favorecendo o seu
efecto multiplicador e aumentando o seu alcance”.
A campaña centrarase en tres ideas principais, tal e como detallou a presidenta: “o silencio non é un si; se a outra persoa está bébeda ou inconsciente, non hai consentimento; e a outra persoa ten dereito a parar en calquera momento. Todo elo focalizando a culpabilidade no agresor, nunca na vítima”. No caso do vídeo dirixido ás mozas, “Lembra, eu decido, ti respectas”, a peza presenta a mulleres implicadas na organización dos festivais, así como integrantes femininas da administración provincial e voces das persoas protagonistas dos festivais como Dani, Baiuca, Villanueva, Eladio y los seres queridos, Fon Román, Rodrigo Cuevas, Tony Lomba, Novedades Carminha, Furious Monkey House, Igloo ou Bala. Estas últimas, xunto a homes implicados na organización dos festivais e integrantes masculinos da administración protagonizan, pola súa banda, o vídeo dirixido aos mozos “Conta comigo, eu respéctote” que, en palabras da presidenta, “céntrase en facelos partícipes directos nesta loita, así como en conciencialos sobre a importancia de entender o consentimento e rachar co ideario que se nos transmite a través da cultura da violación”.
“Responsabilízate”: a campaña de concienciación medioambiental A Deputación de Pontevedra, amais da campaña contra as agresións sexuais, tamén lanzaba cada verán unha campaña de concienciación medioambiental, dinamizando e informando en espazos públicos e eventos multitudinarios sobre o emprego dos plásticos ou as cabichas. Deste xeito, neste 2020, a campaña de medio ambiente
tamén se vai reformular para divulgarase no mundo virtual, en redes sociais e a través de cuñas de radios e vídeos.
Co título “Responsabilízate”, a Deputación de Pontevedra quere poñer o foco na correcta xestión de residuos como mascarillas, luvas e botes de xel desinfectante. “Estou moi preocupada –asegurou Carmela Silva- porque vexo mascarillas tiradas por bosques, montes, camiños e son moi contaminantes. Temos que concienciar á xente que hai que desbotalas nos espazos adecuados para elo, nos colectores de descartes”.
Neste eido, a mensaxe apela directamente á mocidade para que deposite axeitadamente os residuos, coide o planeta e se reduza, así, a pegada medioambiental.

Deja un comentario