+034 986 09 02 04 Venres 25 de Setembro de 2020

O concello da Lama homenaxea a «Mixico» e Fina con motivo da súa xubilación como traballadores municipales


Recibiron unha placa conmemorativa de agracecemento polos servizos prestados entregada polo Concello e un reloxio de recordo dos seus compañeiros

 

O salón de plenos do Concello da Lama serviu de escenario para homenaxear a Josefina Antas Martínez e a José Benito Barreiro López, “Mixico”, dous traballadores municipais que acaban de se xubilar despois de tres décadas da súa vida adicadas a exercer as súas respectivas funcións laborais como persoal municipal.

O alcalde, Jorge Canda Martínez, visiblemente emocionado tras compartir xornada laboral con eles durante moitos anos, agradeceulles os servizos prestados “que foron desempeñados sempre con lealdade á institución, profesionalidade e vocación de servizo cara ao seus veciños”, salientou o rexedor.

Josefina Antas Martínez, botou 31 anos da súa vida laboral no Concello mentras que “Mixico” estivo un total de 29. Ámbolos dous recolleron moi emocionados sendas placas conmemorativas da súa xubilación entregadas polo Concello así como uns reloxios de recordo dos seus compañeiros da plantilla municipal.

O acto contou coa presenza de membros da Corporación, traballadores municipais e veciños que quixeron compartir con Fina e Mixico estes momentos tan entrañables e transmitirlles o seu agradecemento polo traballo realizado ao longo de tres décadas das súas vidas.

Debido á “nova normalidade” marcada polo Covid-19 os asistentes ao acto en lugar de acudir ao tradicional xantar que se fai cando se xubila algún traballador do Concello, compartiron un ágape ao aire libre e mantendo o distanciamento social nas proximidades do Consistorio.

Deja un comentario