+034 986 09 02 04 Venres 25 de Setembro de 2020

Pazos de Borbén súmase á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público


A iniciativa pretende recuperar espazos públicos para devolvelos á cidadanía

O pleno municipal de Pazos de Borbén aprobou esta mañá a adhesión do Concello á Rede Ágora, unha iniciativa destinada a cumprir a Axenda Urbana 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aprobados pola ONU. O principal obxectivo é aumentar de forma substancial os itinerarios peonís e ciclistas do municipio antes de xuño do ano 2023.
Os concellos que forman parte desta rede comprométense a realizar políticas de recuperación de espazos públicos e a fomentar formas de mobilidade alternativas dentro do termo municipal. “Contar con espazos públicos de calidade é un dereito da cidadanía, que necesita contar con lugares onde desenvolver a súa vida e as súas relacións sociais”, explicou o alcalde, Andrés Iglesias.
Do mesmo xeito, o rexedor indicou que entre os obxectivos desta iniciativa está concienciar á poboación do uso desmedido da mobilidade a motor e o consecuente aumento de contaminación ambiental. “Queremos potenciar os itinerarios tradicionais que unen as parroquias e adaptalos ás necesidades modernas, con vías peonís e ciclistas, como xa fixemos entre Pazos e Amoedo”, finalizou Iglesias.
A rede Ágora está promovida e coordinada pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidad Alternativa e Espazos Públicos Urbanos.

Deja un comentario