+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

O concello da Guarda reduce á metade o importe das licenzas de apertura de novas actividades


O concello da Guarda acaba de aprobar a proposta de Alcaldía de redución nun 50% da taxa de licenza por apertura de establecementos. Dende o inicio da situación xerada polo COVID o concello da Guarda está adoptando medidas de carácter económico, debido a que a situación de crise sanitaria traduciuse tamén nunha paralización económica e nunha maior dificultade á hora de emprender proxectos empresariais.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, informa que a ordenanza fiscal de apertura de establecementos reduce nun 50% o importe que os particulares e empresas terán que aboar ao concello por este concepto, e indica que esta medida se suma as que se teñen adoptado durante estes meses de pandemia, como a eliminación da taxa de terrazas para este ano 2020, campañas de sensibilización para o consumo local, difusión dos establecementos comerciais con servizo a domicilio, aceleración do prazo de pagamento aos provedores, a creación do marketplace, plan de dinamización económico, etc….
Con esta modificación o concello da Guarda o que pretende é facilitar a instalación de novas iniciativas empresariais na localidade así como reducir o esforzo económico que supón por en marcha un novo negocio ao diminuír o importe que deben aboar as novas actividades mercantís, comerciais ou industriais que se inicien no concello. Esta medida comezará a aplicarse a partir da publicación da aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.

Deja un comentario