+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Novembro de 2020

Mondariz continúa sen orzamentos municipais actualizados


Durante a última sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal, Alternativa por Mondariz e Partido Popular votaron en contra do plan orzamentario presentado polo goberno para o exercicio 2020, que non puido ser aprobado

O goberno de Mondariz levou este venres ao Pleno da Corporación Municipal a súa proposta de Orzamento Xeral para o exercicio 2020, despois de varios meses de conversas cos diferentes grupos políticos. A proposta, que era austera pero incluía partidas para facer fronte a obrigas financieiras do Concello tan importantes como a débeda acumulada desde 2017 coa Xunta de Galicia pola xestión do Centro de Día, non foi aprobada polos votos en contra de Alternativa por Mondariz e Partido Popular, que superaron aos votos a favor de BNG, PSOE e Ciudadanos.

«O goberno iniciou o diálogo cos grupos políticos de oposición o ano pasado. Durante a primeira fase de diálogo, consistente en reunións por separado con cada grupo político para intercambiar puntos de vista e comprobar que había interese en consensuar uns novos orzamentos municipais, mantivéronse reunións con PP e Ciudadanos, porque AporM rexeitou esta modalidade de diálogo inicial e non quixo participar. Nas últimas semanas, co plan orzamentario para este exercicio 2020 xa preparado, houbo ata tres reunións conxuntas nas que todos os grupos políticos puideron manifestar as súas opinións, mais non se fixeron propostas construtivas respecto ao plan orzamentario», explica o alcalde, Xosé Emilio Barros. «O goberno chegou á sesión plenaria coa esperanza de que AporM ou PP se abstivesen na votación para facilitar a necesaria actualización do orzamento municipal».

O Concello de Mondariz funciona actualmente cun orzamento pensado para 2017, xa que foi prorrogado durante dous anos, sen ter en conta as necesidades municipais. Esta situación provoca que non haxa partidas orzamentarias para facer fronte ás actuais obrigas financieiras, dar resposta ás lexítimas demandas dos veciños e das veciñas ou promover o desenvolvemento local de Mondariz. «Actualizar o orzamento municipal é unha cuestión de responsabilidade política. Os grupos políticos están informados da grave situación financieira do Concello de Mondariz desde fai tempo e saben que hai pouca marxe de manobra porque os gastos estruturais, como os gastos de persoal (47,93%) e os gastos correntes en bens e servizos (36,27%), son amplamente maioritarios. Por parte do goberno houbo unha transparencia total», comenta Barros.

Entre as novas partidas que se incluían no plan orzamentario do goberno municipal había axudas para as traídas de augas veciñais, o baleirado de fosas sépticas e o desenvolvemento rural nas parroquias. Tamén se recoñecía o dereito das entidades locais menores a percibir polo menos o 25% da recadación fiscal entre os seus veciños e veciñas, que é unha reclamación histórica avalada este ano por unha senteza xudicial. Os incrementos de gastos en transferencias e persoal, alleos á decisión política, obrigaron a conter o gasto corrente en servizos e asumir unha necesaria austeridade.

«AporM alegou na sesión plenaria que as contías das partidas destinadas a traídas de augas veciñais non eran suficientes, pero aquí o máis importante é crear a partida. Se non hai partida orzamentaria é imposible dar resposta ás necesidades, e as traídas veciñais son fundamentais para a xestión dun servizo tan básico como o suministro de auga», sinala Barros. «Tamén dixo que non era o momento de recoñecer o dereito das entidades locais menores a percibir o 25% da súa recadación fiscal, como manda a lei. O goberno xa deixou claro que abriría un proceso de negociación con Vilasobroso e Queimadelos para determinar as competencias que debían asumir en contrapartida, pero se realmente hai vontade de solucionar este asunto é preciso crear unha partida orzamentaria».

Tanto o alcalde, Xosé Emilio Barros, como o concelleiro de Facenda, José Luis Fernández, manifestaron a súa decepción «pola frivolidade e a inconsistencia de AporM e PP na valoración da situación municipal derivada da mala xestión política dos gobernos anteriores, especialmente no ámbito económico-financieiro». Malia esta votación en contra, «o goberno continuará optimizando os recursos dispoñibles e traballando desde este mesmo luns para presentar, canto antes, un novo plan orzamentario para o vindeiro exercicio 2021», comenta Barros.

Deja un comentario