+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

A doma clásica e o VI Campionato de España de Pura Raza Española centraron hoxe Equina Galicia


ESTE EVENTO ECUESTRE FINALIZARÁ MAÑÁ, CANDO SERÁ A ENTREGA DE PREMIOS DO SEU CONCURSO MORFOFUNCIONAL

Equina Galicia 2020, organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, continúa hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Nesta xornada, ao campionato de Pura Raza Española sumáronse as competicións de doma clásica.
En canto ao VI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, concurso morfofuncional que é o eixo central de Equina e que valora tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos, hoxe levou a cabo as súas seccións de poldros de 3 anos, eguas de 7 anos ou máis e tamén as probas de funcionalidade de sementais de 4, 5, 6 e 7 ou máis anos e de eguas de 5, 6 e 7 anosou máis. Nestas últimas xulgouse, entre outros aspectos, os movementos a paso, trote e galope ou a obediencia ao xinete ou amazona.
Neste concurso mañá será a quenda das cobras de 3 e de 5 eguas. Ao seu termo realizarase a entrega de premios do Campionato.
Así mesmo, en Equina Galicia dispútanse esta tarde o Territorial de Doma Clásica XXII Copa ACCEGA, destinado a pura raza española, e o II Trofeo Xunta de Galicia – Consellería do Medio Rural, ao que poden concorrer todas as razas de cabalos de deportes europeos e que pretende fomentar as pequenas explotacións de cría de cabalos selectos para o deporte que xeren actividade no medio rural galego.
Nesta edición contan cunha gran participación, desde categoría infantil ata nivel olímpico, o que supuxo que se disputen de forma simultánea en dúas pistas distintas.
Son 60 os binomios tanto de Galicia como doutros puntos de España os que compiten nestas probas, as cales aínda se están celebrando e estenderanse ata pasadas as 21.00 horas. Unha vez rematadas haberá un espectáculo de carrusel.
Copa Galega de Enganches
Ademais das últimas seccións do campionato de Pura Raza Española, mañá Equina acollerá ao mediodía a segunda xornada clasificatoria para a Copa Galega de Enganches, que este ano contará cun total de 7 probas. Organizada pola Federación Galega de Enganches, incluirá as modalidades Benxamín, Junior, Sulky, con coches de dúas rodas tirados por un cabalo, e tamén Limonera e Troncos, ambas consistentes en coches de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e dous no segundo.
Realizaranse sobre trinta saídas a pista.

Deja un comentario