+034 986 09 02 04 Mércores 30 de Setembro de 2020

A Policía Autonómica intervén nunha festa dun cámping en Santiago por infrinxir as medidas sanitarias ante a covid-19


Os axentes comprobaron que a maior parte dos asistentes incumprían a obriga de distanciamento social e de uso de máscara, polo que proporase sanción ao responsable do evento
A Policía Autonómica denunciou ao responsable da organización dunha festa nun cámping de Santiago de Compostela na que se incumpriron as medidas adoptadas polas autoridades competentes para facer fronte á crise sanitaria provocada pola covid-19.
Axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Santiago recibiron aviso de que nas instalacións dun cámping da cidade se estaba a levar a cabo unha festa na noite do pasado sábado sen respectar as obrigas sanitarias relacionadas co coronavirus.
Unha vez no recinto, os axentes comprobaron que a maior parte dos asistentes incumprían o distanciamento social e tampouco levaban máscara, polo que informaron por megafonía aos participantes do evento das instrucións sanitarias, que foron tidas en conta desde ese momento.
A Policía Autonómica proporá ás autoridades competentes sanción ao responsable da
organización da festa por infrinxir as medidas vixentes para frear a expansión do coronavirus relacionadas co distanciamento social e o uso de máscara.
No marco do Plan de actuación específico destinado á inspección e control das medidas ante a covid-19, os axentes da Policía Autonómica traballan en labores de información, disuasión, control e, como neste caso, tamén proposta de sanción ante o órgano que corresponda en espazos e establecementos abertos ao público. Nestes espazos, traballan para garantir que se cumpren as medidas sanitarias, como a distancia interpersoal, a hixiene, ou aforo e acondicionamento. Tamén actuán na vixilancia do cumprimento dos aforos de eventos populares e concentracións de espectáculos públicos ou actividades de ocio.

Deja un comentario