+034 986 09 02 04 Mércores 30 de Setembro de 2020

A rápida intervención da Policía Local evita a propagación dun incendio nun hotel de Ponteareas


Catro axentes accederon ao establecemento e á habitación onde se orixinou o lume sofocando o incendio e rescatando a unha persoa atrapada

O dispositivo especial de vixilancia nocturna da Policía Local do pasado sábado permitíu actuar con rapidez nun incendio declarado no Hotel Condado da localidade sobre a 1:30 da madrugada. A esa hora as dúas patrullas da Policía Local recibiron unha chamada alertando da existencia dun incendio no hotel e dunha persoa atrapada que pedía auxilio. Tras dar aviso aos bombeiros municipais, os axentes comprobaron que pola xanela dunha habitación do cuarto piso saia unha densa fumareda negra e berros pedindo auxilio. Ao atoparse coas portas de acceso ao hotel pechadas, os axentes entraron no establecemento forzando a porta de entrada e rachando o seu vidro. Unha vez no interior os axentes subiron ao cuarto andar desaloxando aos hóspedes e procederon a tirar abaixo a porta da habitación na que se estaba producindo o incendio. Mediante o uso de extintores e da mangueira do sistema contraincendios do propio hotel os policías locais rebaixaron e extinguiron as lapas e lograron rescatar á persoa que se atopaba atrapada na habitación. Acto seguido os  bombeiros accederon ao lugar, asegurando a zona e ventilando o edificio. O afectado foi trasladado ao PAC de Ponteareas por posíbel intoxicación por fume. As causas do lume son obxecto de investigación.

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, felicitou aos axentes que interviron no suceso pola súa actuación e a súa profesionalidade e salientou que “o reforzo do cadro de persoal da Policía Local resulta fundamental para velar polo cumprimento das normas de convivencia, pero tamén para dar resposta eficaz a situacións de emerxencia”. Mera sinalou que nesta semana se incorporarán ao cadro de persoal cinco novos auxiliares de policía.

Deja un comentario