+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018

Guillermo Aymerich: pintura, viño e reivindicación no km.0


Unha mostra máis da hiperactividade positiva do Alcalde Rafael Cuiña é a proposta que lle acaba de facer ao pintor Guillermo Aymerich, aproveitando o seu retorno á vila, dende China

Dende a Antigüidade, unha escena habitual nos parques chineses é a aparición de cidadáns de certa idade que caligrafían no chan pavimentado, usando como ferramenta un longo pincel de punta esponxosa e utilizando tan só auga, en lugar de tinta. Efémero ritual vespertino que alude a manobras caligráficas, de autocontrol, rigor/disciplina e mesmo as artes militares. Mentres a evaporación fai posible a desaparición dos caracteres caligrafiados a man do mestre executa a nova escritura: execución/destrución como ciclo vital.

A proposta de Cuiña consiste en que Aymerich realice unha obra pintada no Km. 0 lalinense durante a véspera á Feira do Cocido. Unha vez aceptado, Aymerich arranca os seus motores mentais e empeza a concibir o que vai pintar. Vólvenos sorprender cunha idea mixta, mesturando mecanismos chineses pero utilizando medios e significados dezanos: proponse pintar a praza do Km. 0 con viño tinto, á vez que realiza un “frottage” (fregado) pintado da placa en relevo do epicéntrico punto da vila. A inqueda mente de Cuiña, xunto co seu interese reivindicativo, fan preguntar ao artista se se podería pintar con leite (en homenaxe ás recentes dificultades que están a ter nosos gandeiros). Aymerich volve aceptar e realizará unha pintura efémera arredor da placa cero, utilizando viño e leite en lugar de pintura, ao tempo que realizará unha pintura “frottage” no punto central da praza, obra duradeira que será doada ao Museo Ramón Aller, baixo petición do propio Alcalde. Tan só fáltanos coñecer a elección do motivo a pintar, e Aymerich engade outro punto reivindicativo: pintará as carballeiras de Catasós. Así “traerá” as periféricas carballeiras ao punto central da bisbarra, para darlle máis visibilidade ao problema ecolóxico-cultural-social. As manobras pictóricas rexistraranse de modo fotográfico e tamén coa edición dun vídeo. O desenvolvemento de toda a idea estase a levar a cabo mediante un “brain storming” (chuvia de ideas) entre Cuiña e Aymerich. Demostrando tanto a sensibilidade do noso alcalde como a versatilidade do noso pintor viaxeiro, pero tamén o boa avinza entre ambos os dous.

Neste sentido, Aymerich propón facer a obra pictórica en colaboración con Manolo Moldes, prestixioso artista vinculado dende hai anos coa nosa vila. Ao día de hoxe non podemos confirmar a colaboración conxunta do artista lalinense co pontevedrés, aínda. Pero o que si podemos avanzar é a re-contra-proposta que Aymerich lle fai a Cuiña: pintar un mural ao óleo nas escaleiras sitas no vestíbulo da Casa Consistorial. Rafael Cuiña di de gustar da nova proposta e empezaranse as negociacións. Aínda que están nunha fase xerminal, sabemos e podemos comunicar que a obra pintada exterior doada dende o Km. 0 está vinculada, en certo modo, coa futurible e remunerada obra pictórica consistorial. Pero iso será o próximo capítulo…

Deja un comentario