+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

A Banda de Tenorio arranca o ciclo de “Concertos en Familia” na Carballeira do San Xusto cun formato reducido e seguro


A formación adaptou as súas actuacións aos protocolos fronte a Covid- 19 con pequenos repertorios por familias de instrumentos

A Banda Unión Musical de Tenorio vai arrancar mañá, venres 7 de agosto, o seu ciclo de “Concertos en Familia” na Carballeira do San Xusto cun novo formato máis reducido e que conta cos protocolos de seguridade sanitaria. Este espectáculo ao aire libre, que conta coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade, vai comezar ás 21.30 horas e será de entrada libre ata completar o aforo de cadeiras instaladas neste espazo, aínda que o resto de asistentes poderán contemplar a actuación de pé polas grandes dimensións da carballeira.
Dende a Banda de Tenorio explicaron que este ciclo xurdíu a raíz dunha adaptación aos protocolos de distancia e de evitar a excesiva concentración de persoas para protexer a saúde e conter a transmisión de contaxios fronte á Covid-19. Por esta circunstancia, plantéxase que actúen distintas familias de instrumentos de xeito consecutivo para non reunir dunha vez aos
preto de 50 compoñentes da banda.
O concerto vaise dividir en dúas seccións, xa que inicialmente actuarán os grupos de clarinetes, logo os de saxofóns e finalmente os de vento-madeira e percusión para dar paso, xa na segunda parte, ao vento-metal, tamén acompañado pola percusión. Tamén está previsto que entre os distintos repertorios se proceda á preceptiva desinfección de cadeiras e atrís, cumprindo así co protocolo da Xunta para este tipo de eventos culturais .
Cómpre sinalar que o repertorio, despregado nun amplo espazo de 16 por 16 metros, será moi variado e ecléctico, con música propia da banda e orientado a todos os públicos, misturando pasodobres, temas de bandas sonoras e pezas clásicas.
O ciclo de “Concertos en Familia” da Unión Musical de Tenorio incluirá tres espectáculos máis, que terán lugar o domingo 23 na Praza da Chan de Carballedo dende as 20.30 horas, o martes 8 de setembro no adro da festa de Tenorio a partires das 20.30 horas e, finalmente, nas Festas do Nadal o 19 de decembro no salón multiusos de Carballedo tamén ás 20.30 horas.

Deja un comentario