+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

Moraña obtén a concesión do Obradoiro de Emprego Xóvenes co financiamento de 370.000 euros da Xunta durante un ano


Permitirá contratar a 16 mozos desempregados e supón a sétima iniciativa laboral con este formato obtida polo actual goberno local

O Concello de Moraña vén de obter, por parte da Xunta de Galicia, a aprobación do Obradoiro de Emprego Xóvenes, que vaise desenvolver por espazo dun ano e conta cun orzamento de 430.000 euros, dos que 369.492 van ser financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Esta iniciativa laboral, presentada de xeito conxunto co municipio de Valga, vai permitir contratar a 16 mozos desempregados incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil durante 12 meses e ofrecerlles unha ensinanza de 1.920 horas que misturará aspectos teóricos e prácticos e que mellorará a súa empregabilidade.
Como de cotío, os participantes distribuiranse ao 50% nos módulos de Forestal e Albanelería e realizarán melloras en equipamentos e servizos públicos do municipio durante a súa formación, que tamén incluirá módulos de prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, sensibilidade ambiental e igualdade.
Nesta ocasión, as obras propostas polo Concello de Moraña permitirán redistribuir os espazos da Casa da Cultura para mellorar a súa funcionalidade, substituír a cuberta do local social e do Arquivo Municipal do Buelo e darlle continuidade ás sendas fluviais de Castañosa e Gundeiro polas aldeas de Sorrego e Batán e do Rego Cornide polos lugares de Agriños, A Pallota e Ponte Cornide.
A concesión deste novo Obradoiro de Emprego supón a sétima que acada o goberno local nos últimos anos. As seis actuacións anteriores –coa derradeira aínda en marcha na súa fase final– xa supuxeron o investimento de máis de 1,5 millóns de euros en obradoiros, que agora se ampliarán con esta modalidade para xóvenes e incluso poderían extenderse, xa que Moraña e Valga tamén teñen pendente de
resolución, por parte da Xunta, a quinta edición de Ulla-Umia.

 

“Seguimos apostando incondicionalmente polo emprego e a formación, que sempre foi unha das nosas grandes prioridades e que, na actual situación económica, só se sitúa por debaixo da preservación da saúde pola crise sanitaria. Imos superar os 2,3 millóns de euros nesta materia nos últimos anos, xa que levamos cinco obradoiros, temos un na súa recta final máis este para mozos agora concedido e tamén estamos no Programa Integrado de Emprego da bisbarra con máis dun cento de persoas, polo
que a nosa implicación en que a xente atope un traballo é máxima”, debullou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.

Deja un comentario