+034 986 09 02 04 Mércores 30 de Setembro de 2020

O Campo de San Benito, en Romariz, acolle mañá o espectáculo infantil «Os romeiro do caracol»


O acceso é totalmente gratuíto pero contará con restricións de aforo para garantir o distanciamento social

O Concello de Soutomaior continua mañá coa súa programación de actividades culturais de verán cun novo espectáculo de música infantil e familiar. O campo de San Benito, no barrio de Romariz, acollerá mañá a representación de monicreques e música “Os Romeiros do Caracol”, a cargo dos irmáns Quintá. A función dará comezo ás 21:30 horas.
O espectáculo conta a historia dos irmáns Quintá no seu camiño de volta de San Andrés de Teixido tras cumprir a promesa feita ao seu defunto avó de levalo ao santuario en forma de caracol xa que non puido ir de vivo.
A representación está inspirada na obra Romarías e Santuarios de Galicia de Antón Fraguas e sérvese de elementos de teatro popular e música en directo para captar a atención do público familiar.
O espectáculo será totalmente gratuíto, aínda que contará con restricións de aforo para manter as normas sanitarias. Ademais, será necesario atender ao resto de recomendacións e protocolos contra a Covid 19, como o uso de máscaras e o distanciamento social.

Deja un comentario