+034 986 09 02 04 Martes 01 de Decembro de 2020

O Concello arranca o seu programa especial de conciliación e deporte para familias sen alternativas de coidado


A iniciativa, que se celebra en Tenorio en quenda de mañá, acolle a máis dunha decena de rapaces de ata 13 anos de idade

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de arrancar esta semana o seu programa especial de conciliación e deporte, que ten como obxectivo axudar ás familias no coidado estival dos seus cativos naqueles casos nos que non dispoñan de ningunha alternativa e que ten un formato reducido adaptado á actual situación sanitaria pola crise da Covid-19. Por elo, establecéronse medidas especiais de seguridade limitando as prazas, extremando os protocolos e deseñando actividades compatibles coa preservación da saúde.
Así, este programa especial de conciliación conta con algo máis dunha decena de nenos participantes e desenvólvese en Tenorio ata o próximo 21 de agosto en quenda de mañá. Esta actividade acolle exclusivamente a rapaces empadroados en Cerdedo-Cotobade con idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos de idade e que pertenzan a familias monoparentais ou nas que traballen os dous proxenitores e non conten con ningunha alternativa para o coidado dos rapaces.
A reducida cifra de participantes permite que se respecte a distancia interpersoal dos nenos nos xogos e prácticas deportivas e que se cumpran as demais medidas sanitarias, para o cal as actividades desenvólvense sempre ao aire libre nas inmediacións do pavillón municipal e só se están a empregar estas instalacións a cuberto en caso de meteoroloxía adversa, especialmente nas xornadas de excesivo calor.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, aclarou que dende o goberno local son moi reacios a que, polo momento e durante este verán, se organice calquer tipo de actividade, festa ou evento que implique concentración de xente, “pero tamén é certo que hai que seguir vivindo e traballando para adaptarnos á nova normalidade e reactivar a economía e iso xenera unha necesidade na área de conciliación que decidimos resolver en beneficio dos nosos veciños que se atopen sen ningunha alternativa e que se fai cun escrupuloso cumprimento da normativa sanitaria para que os nosos nenos estean seguros e ben atendidos”.

Deja un comentario