+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

O concello de Soutomaior abre o prazo de inscrición para o seu campamento urbano


A iniciativa é totalmente gratuíta e conta con protocolos de protección contra a Covid19

O Concello de Soutomaior acaba de anunciar a apertura do prazo de inscrición para o seu Campamento Urbano Infantil que se desenvolverá do 1 ao 9 de setembro. A actividade está dirixida a nenos e nenas desde os 3 ata os 12 anos de idade e ten carácter gratuíto. O prazo para anotarse finaliza o 24 de agosto.
O obxectivo do campamento, explicou o alcalde, Agustín Reguera, é “facilitar a conciliación familiar dos pais antes do comezo do curso, polo que o campamento conta cun horario ampliable que se poida axustar ao horario das familias”. Así, aínda que lle horario normal do campamento é de 09:00 a 14:00 horas, os mozos que estean acollidos ao plan madruga poderán entrar ás 08:00 da mañá. Do mesmo xeito, habilitarase un servizo de “ Fiambrera” para os que desexen ampliar o horario ata as 15:00 horas.
O campamento conta con diversos protocolos de protección contra a Covid19 para o seu desenvolvemento. Así, o edificio multiusos de Arcade dedicarase en exclusiva a acoller esta iniciativa, evitando interaccións con outras actividades. Ademais, os participantes dividiranse en grupos reducidos segundo idades que se manterán durante todo o campamento.
Cada participante dispoñerá dunha “bolsa de obradoiros” de uso unipersoal na que dispoñerá de todo o material necesario para as actividades de cada día. Ademais, non se realizarán actividades que impliquen compartir obxectos nin comida. Para evitar aglomeracións, tanto a entrada como a saída de cada día farase de forma graduada e utilizando todos os accesos dispoñibles.
Para participar no campamento de conciliación, todas as familias deberán achegar unha declaración responsable na que garanten a saúde do menor durante os 14 días previos á entrada da actividade. A inscrición é totalmente gratuíta e contarán con preferencia aquelas familias con baixos ingresos ou en calquera outra situación de vulnerabilidade acreditable.
A inscrición deberase realizar de forma telemática a través da páxina do concello de Soutomaior. Os interesados en recibir máis información poden facelo a través da web www.soutomaior.com ou no teléfono do CIM en horario de mañá, o 986 701 227.

Deja un comentario