+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

O Concello acomete a vindeira semana a reordenación peonil e de tráfico no entorno do Mercado


Os traballos comezarán o luns e atinxirán as rúas Braña, Perillana, Fernández Vega, A Estrada, Morales Hidalgo, República Arxentina, Esperanza, Virxe da Luz, Castiñeira e A Minada

O vindeiro luns darán comezo os traballos de pintado e sinalización de diferentes rúas no entorno do Mercado Municipal. As actuacións forman parte do plan de reordenación dos espazos peonís e do tráfico nas rúas A Braña, Fernández Vega, Perillana, Esperanza, República Arxentina, Morales Hidalgo, A Estrada, Castiñeira, Virxe da Luz e A Minada.

A realización dos traballos conlevará restricións ao tráfico rodado durante os primeiros días da semana. As actuacións conlevan a ampliación dos espazos para as persoas, a eliminación de dobres sentidos de circulación así como cambios nos itinerarios rodados, a creación de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e prazas para motocicletas. Ademais modificarase a parada de autobuses ubicada na rúa Real preto da Fonte da Rúa de Abaixo, coa intención de mellorar a visibilidade na saída desde Ferreiros á N-120.
Para abordar as actuacións a concellaría de Mobilidade e Tráfico e de Vías e Obras que dirixen Roberto Mera e Chus Garrote respectivamente, estableceron un plan de traballo no que participarán a Policía Local, a brigada de Obras municipais, persoal de Medioambiente e a concesionaria da limpeza viaria, FCC.

Mera e Garrote sinalaron que “as actuacións suporán unha mellora na calidade de vida da veciñanza, especialmente das persoas residentes nesas rúas, unha mellora na seguridade vial e dará un maior atractivo comercial á zona, reforzando o impacto positivo da creación da praza situada diante do Mercado Municipal”. O Concello agradece a comprensión veciñal polos trastornos que as obras ocasionarán durante varios días.

Deja un comentario