+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

A Banda de Música Unión de Meaño escolle a Praia Fluvial de A Calzada, a primeira de España con Bandeira Azul, para celebrar un encontro fraternal que marca a fin de tempada


Foron saudados polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, quen os felicitou polos numerosos premios que atesouran, entre eles, o de ser a mellor banda do mundo conseguido no certame internacional de Kerkade (Holanda) no ano 2013

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, desprazouse ata a praia fluvial da Calzada, a primeira de España destas características en ser galardoada coa Bandeira Azul, para saudar aos case que 200 socias e socios músicos da Asociación Cultural Banda Unión Musical de Meaño que escolleron este incomparable paraxe para celebrar unha xornada de confraternidade que marca a fin de tempada.

Andrés Díaz departiu co presidente da entidade, Manuel Arosa, e o vicepresidente, Óscar Rial, quenes agradeceron ao alcalde as facilitadades dadas polo Concello de Ponte Caldelas para poder disfrutar da área recreativa da Calzada.

Pola súa banda o alcalde Andrés Díaz agradeceu a súa presenza e sinalou que “son benvidos a Ponte Caldelas todas aquelas persoas e entidades que queiran disfrutar desta beleza paisaxística á beira do río Verdugo. Hónranos a súa presenza porque, de seguro, axudará a divulgar as marabillas desta paraxe incomparable onde existe unha auténtica harmonía entre a presenza do ser humano e a natureza. O noso compromiso é facer da súa conservación e do seu legado ecolóxico unha cuestión fundamental para tódolos veciños e veciñas de Ponte Caldelas”.

Andrés Díaz aproveitou tamén a presenza dos membros da Banda Unión Musical de Meaño para felicitalos polos moitos éxitos acadados. “Desde logo para nós énchenos de satisfacción ver como desde concellos modestos, como o noso ou o de Meaño, se fan cousas que teñen trascendencia e gran importancia. Moitos son os premios e recoñecementos dos que dispón esta agrupación non en van no ano 2013 foi declarada a mellor banda do mundo ao imporse no certame internacional de Kerkade, en Holanda, e desde logo para tódolos galegos é un motivo de orgullo”, indicoulle Andrés Díaz aos directivos da entidade cultural.

Finalmente, o rexedor animou aos asistentes a esta xornada de confraternidade a “repetila cantas veces queiran porque saben que en Ponte Caldelas atoparán sempre un concello irmán aberto a recibilos a todos”.

Os case que 200 socios da Asociación Cultural Banda Unión Musical de Meaño disfrutaron dun xantar campestre a base de polbo, empanadas e tortillas regados todos estes bos alimentos con viño tinto de Barrantes e albariño de Meaño, “corazón do Salnés”.

Tamén disfrutaron de varios xogos populares como o aro, o tiro á ran, o xogo da botella, etc. así como dos recurrentes chapuzóns nas aguas cristalinas e de calidade “excelente” que ofrece a zona de habilitada para o baño na praia fluvial de A Calzada.

Deja un comentario