+034 986 09 02 04 Xoves 29 de Outubro de 2020

O Grove asina o convenio “Navega o Camiño” malia ser o único concello de Arousa sen porto que poida acoller os peregrinos que queiran facer o camiño orixinal


O acto tivo lugar esta mañá no Porto de Vilagarcía.
O alcalde do Grove acudiu esta mañá á sinatura do convenio entre a Mancomunidade do Salnés, Arousa Norte e a Federación de Vela para potenciar o camiño orixinal de peregrinación a Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa que pon en valor a traslatio do apóstolo por mar e que permitirá que os peregrinos dos barcos que se aproximen á ría navegando un mínimo de 200 millas e fagan o último percorrido a pé ata Santiago poidan obter a Compostela.
A iniciativa inclúe os trece concellos da ría de Arousa, entre os que se atopa O Grove, coa peculiaridade de que O Grove é o único deses municipios que non conta con porto deportivo, polo que non poderá beneficiarse da atracción turística que esta campaña suporá, especialmente entre público doutros países europeos. A iniciativa “Navega o Camiño” aumentará considerablemente o tránsito de barcos veleiros e de paseo, especialmente no próximo ano Xacobeo, pero será difícil para O Grove quitarlle partido a ese tráfico pola ausencia de infraestrutura para recibilos. Non podemos perder de vista que o porto de Pedras Negras non está situado na ría de Arousa, mentres que tanto este como o da Illa da Toxa
(ambos de explotación privada) están completos e con lista de agarda.
O Grove está presente na iniciativa de recuperación do Camiño orixinal por mar ao tratarse do referente fundamental deste, tal e como demostran os restos arqueolóxicos de Adro Vello, sendo o punto de entrada desta itinerario. A pesar diso, O deixamento da Xunta de Galicia volve a discriminar a localidade sen dotala das infraestruturas necesarias, neste caso, o porto deportivo. Queda demostrado que xa non se trata dunha necesidade, senón dunha obriga do goberno autonómico, que debe traballar na promoción do Camiño de Santiago e todas as súas posibilidades. O Grove seguirá sendo un referente turístico, pero a ausencia desta posibilidade está a limitar o seu crecemento e a mellora do seu posicionamento como destino turístico internacional, o que permitiría un salto cualitativo da economía local.

Deja un comentario