+034 986 09 02 04 Martes 27 de Outubro de 2020

O Concello de Ponteareas reparte 96 premios en vales de 20 e 50€ para gastar no comercio local


Son o resultado do concurso/sorteo “Eu Creo Na Casa” promovido pola Concellería de Promoción Económica durante o confinamento

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Ponteareas, Eva Gil, deu conta do resultado do concurso/sorteo “Eu Creo Na Casa” desenvolvido durante o confinamento, consistente na entrega dun total de 96 premios para consumir no comercio e hostalería local. Os agasallos están divididos en dúas categorías: 22 vales de compra de 50 euros, 2 en cada unha das categorías de participación que máis
‘Gústame’ obtiveron durante o concurso; e 74 agasallos de 20 € de compra para as persoas gañadoras dos sorteos realizados por participar en cada unha das categorías.

A concelleira de Promoción Económica lanzou durante o confinamento o citado concurso, co fin de descubrir a potencialidade creativa realizada nas vivendas de todas e todos os pontearáns durante o estado de alarma por mor do Covid19, premiando as súas creacións e sorteando vales de compra para gastar no comercio e hostalería locais. A campaña desenvolveuse baixo o hashtag #FaiPonteConNós, que
tamén ten como obxectivo axudar ao tecido económico do concello que está a sufrir os efectos da pandemia.

No concurso puideron participar todas as persoas residentes en Ponteareas interesadas. Igualmente, todos os establecementos comerciais puideron adherirse á campaña de apoio ao comercio local e facilitar que as persoas gañadoras podan utilizar os vales nos seus establecementos.

As persoas agasalladas, xa poden pasar a recoller os seus vales de compra polo Punto de Información Turístico de Ponteareas, sito no edificio do Museo e Biblioteca Municipal, na Perillana, 9-11, en horario de 9 a 14 horas. As persoas agraciadas contarán cun prazo de 15 días para recoller os seus vales.

Deja un comentario