+034 986 09 02 04 Martes 27 de Outubro de 2020

II edición do premio “Ponteareas, Lingua e Empresa”


O premio recoñecerá as empresas que usan a lingua galega

As Concellarías de Lingua e Promoción Económica do Concello de Ponteareas convocan a II edición do Premio “Ponteareas, Lingua e Empresa” co obxectivo de recoñecer as empresas que usan a lingua galega na actividade económica.

Segundo o concelleiro de Lingua, Fernando Groba Bouza, este premio ten como finalidade promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ponteareas, estender o seu uso nas relacións laborais, comerciais e empresariais, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector.

Poderán ser destinatarios deste premio as empresas, autónomos, profesionais, ou outro tipo de negocio, así como as persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica, e que teñan a súa sede social ou un centro de actividade económica no concello de Ponteareas.
O Premio “Ponteareas, Lingua e Empresa” materializarase nunha figura exclusiva realizada polo escultor ponteareán Silverio Rivas.

Ademais, calquera persoa ou entidade poderá presentar proposta de candidatura a favor de empresas, autónomos, profesionais, outros negocios ou persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica e que teñan a súa sede social ou un centro de actividade económica no concello de Ponteareas.

O concelleiro de Lingua e a concelleira de Promoción Económica animan a persoas, empresas, etc a que presenten a proposta de candidaturas de negocios que cren que son merecedoras deste premio polo uso da lingua galega, ben ao longo de décadas, polo uso continuado no tempo e aquelas de recente incorporación que usen a lingua galega nas súas actividades económicas.
As bases da convocatoria poden consultarse na páxina web do concello de ponteareas www.ponteareas.gal na seguinte ligazón https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases- cultura/

Deja un comentario