+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

Numeroso público respalda a concentración convocada pola ANPA de Campo Lameiro contra o recorte de dous profesores no centro educativo


O respaldo á mobilización foi unánime dos grupos políticos, colectivos sociais e persoas representantivas da sociedade campolameirá

Un gran número de persoas e nenos de Campo Lameiro concentráronse ás 21 horas no patio de acceso ao CEIP Pedro Antonio Cerviño convocados pola ANPA San Miguel en protesta pola intención da Consellería de Educación de reducir en dous profesores o número de docentes neste centro educativo.

A mobilización concitou o apoio e o respaldo de prácticamente toda a sociedade campolameirá a través da presenza do propio alcalde, Carlos Costa, e a práctica totalidade da Corporación Municipal que se sumou a este acto de protesta. Tamén representantes de colectivos veciñais, sociais e culturais e ata o cura das seis parroquias tamén estaba presenta na concentración cidadá.

O acto contou tamén coa colaboración dos nenos e nenas do centro educativo que portaron diferentes carteis a prol da igualdade de dereitos á educación dos cativos que residen nas cidades e os que están no rural e penduraron os seus letreiros reivindicativos diante da porta de acceso principal ao centro educativo.

Os asistentes mantiveron en todo momento as medidas de seguridade impostas polo Covid-19 portando todos máscaras, gardando o distanciamento social e os membros da ANPA San Miguel dispensaban xel hidroalcólico a cada unha das persoas que se achegaron ata o recinto educativo.

A ANPA pretende seguir con todo tipo de actos reivindicativos, chamando ao diálogo á Xefatura Provincial de Educación co fin de evitar que se produza esa redución drástica no cadro docento xa moi reducido por medidas adoptadas con anterioridade polas autoridades educativas e que xa provocaron a agrupación de aulas e que nenos e nenas de diferentes idades teñan que cursar xuntos as materias educativas.

A ANPA San Miguel agradeceu a tódolos asistentes a colaboración e o apoio amosado e cun sonoro aplauso remataron a concentración redobrando o seu compromiso co dereito a unha educación pública e de calidade para os seus fillos, obxectivo ao que non pensan renunciar en ningún momento.

Deja un comentario