+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

Estupenda acollida dos primeiros composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación en Tomiño


 

Acudiu á charla de formación no Pavillón da Carballa toda a veciñanza que estaba citada para recoller o material
Repetirase a reunión co persoal técnico da Deputación e do Concello o vindeiro xoves 27 ás 10.30 horas

A entrega dos primeiros composteiros inviduais (COIN) do Plan Revitaliza en Tomiño tivo unha estupenda acollida, xa que acudiron a totalidade das persoas das 30 familias convocadas. Todas elas amosaron unha grande implicación e motivación coa compostaxe do lixo orgánico, tendo algunhas das veciñas e veciños presentes xa algo de experiencia na tarefa de facer compost.
No acto de entrega dos composteiros, ademais do persoal técnico do Revitaliza da Deputación, estiveron presentes a alcaldesa Sandra González e a concelleira de Medio Ambiente –xunto á técnica local-, que agradeceron a participación e subliñaron a importancia da concienciación da cidadanía na
xestión dos residuos.
A cita foi ás 10.30 horas no Pavillón da Carballa e desenvolveuse seguindo todas as medidas de prevención sanitarias necesarias. Primeiro proxectouse nunha pantalla unha pequena presentación explicativa e á saída entregáronse o COIN, un aireador, un termómetro e un manual de compostaxe a cada representante de cada domicilio.
O reparto continuará o vindeiro xoves 27, cando se entregarán outros 30 COIN. As persoas que os recibirán serán as que se inscribiran a raíz dunha solicitude de subvención do PIMA que resultou fallida para o concello.
Posteriormente e grazas á subvención da Deputación de Pontevedra, realizaranse novos repartos, chegando a entregar ata uns 3000 COIN, instalar uns 14 CCC ademáis dos dous existentes, mercar un camión grúa, microtrituradoras para deixar en empréstito á veciñanza e instalar algún punto verde para a recollida de poda.
Instalacións de novos centros comunitarios
Por outra parte, na mañá de hoxe comezou a construírse a base de celosía para a instalación de novos centros de compostaxe comunitaria de Daniel Calzado (de seis módulos) e o que dará servizo ao Mercado (de dez unidades modulares), que irán xuntos na mesma plataforma.

O persoal técnico da Deputación e do Concello será o encargado de dar a formación necesaria e resolver todas as dúbidas de toda a veciñanza e produtores singulares que farán as achegas en ambos centros comunitarios.

Deja un comentario