+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

Sete concellos da provincia piden axudas á Deputación para crear e manteer os seus servizos de normalización lingúística


 

O departamento de Lingua que dirixe María Ortega recibíu cinco peticións de subvención para apoiar departamentos xa en funcionamento e outras dúas para crealos ‘ex novo’
A deputada sinala a importancia de que as entidades locais aposten pola normalización de xeito estable

O servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra recibiu neste exercicio sete solicitudes de subvención para apoiar o mantemento e a posta en marcha dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos da provincia. As peticións de axudas para mantemento de servizos xa existentes chegaron dos concellos de Moaña, Redondela, Valga, Ponteareas e O Grove, todos eles con SNL en activo, e as de creación de servizos ‘ex novo’ tiveron orixe no concello de O Porriño, que presentou solicitude para a creación dun novo departamento con persoal técnico a xornada completa, e de Nigrán, que solicitou persoal a media xornada.
Nesta edición a liña de axudas para Normalización Lingüística da Deputación aumentou a súa contía un 33%, chegando ata os 200.000 euros. Segundo explicou a deputada de Lingua, María Ortega, o obxectivo deste aumento é apostar pola normalización de xeito estable nos concellos, fuxindo de actividades puntuais, co financiamento das retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística (SNL) das entidades locais.
Outra das novidades das axudas do 2020 é que as contías que pode recibir cada concello chegan ata 20.000 euros –fronte aso 15.000 anteriores- no caso da creación e reforzo, podendo supoñer o 100% do custe do persoal a contratar para xornada completa, se ben só se financia o 80% no caso de
mantemento do SNL. Para as agrupacións de concellos, a cifra subía ata os 25.000 euros, mais non se recibiu ningunha solicitude con estas características. Como compromiso principal, as entidades solicitantes deben manter o SNL nas mesmas ou mellores condicións das existentes no momento de solicitar a axuda por un período mínimo de dous anos.
En xeral, as funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollen a esta convocatoria, tanto internas como externas, deben ser asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; ou mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, entre outras.

As axudas para actividades, a maiores
Outra das novidades desta convocatoria é que os concellos solicitantes poderán optar tamén á vindeira liña de axudas da Deputación para o fomento de actividades ou programas de dinamización, algo incompatible nas anteriores edicións.
“Queremos que as entidades aposten de xeito estable por ter servizos de normalización, que se multipliquen, e que na provincia se cree unha rede de servizos de fomento da lingua, xa que é un departamento esencial”, dixo María Ortega.

Deja un comentario