+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

Educación avalía a aplicación do protocolo anticovid nos colexios de Vilaboa


O xefe territorial de Educación visitou o CEP de Riomaior así como o CRA de Paredes
O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou hoxe o CEP de Riomaior, así como o CRA de Paredes en Vilaboa, co obxectivo de coñecer a aplicación do protocolo anticovid para a volta ás aulas nestes centros educativos.
Na visita, o xefe territorial estivo acompañado polos equipos directivos así como pola concelleira de Facenda de Vilaboa, Carmen Gallego.
Durante esta visita analizouse a aplicación do protocolo anticovid para a volta as aulas que están a aplicar os centro, destacando que cada un deles conta xa co seu grupo covid, e co responsable que se encargará de conectar co Punto de Atención Continuada.
Os dous colexios contan así cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos, os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.
No caso do CEP de Riomaior, dividiuse o centro en tres niveis (1º e 2º de Primaria, 3º e 4º, así como 5º e 6º), de xeito que funcionarán coma tres colexios independentes, con entradas individuais e horarios diferenciados para que os alumnos no coincidan en zonas comúns.
Ademais, fronte a cada aula haberá outra valeira e diferenciaranse os espazos do patio para que as aulas poidan saír tamén sen contacto coas outras aulas. Tamén contará cada grupo co seu propio baño.
O xefe territorial agradeceu ao concello de Vilaboa a súa colaboración no mantemento do centro, que acaba de ser pintado, e insistiu na necesidade de que os concellos garantan a limpeza.
No caso do CRA de Paredes, tamén se diferenciaron espazos para os 12 nenos que conformarán a escola este ano. Cada un deles contará coa súa propia caixa para deixar o seu material persoal (como chaquetas, merenda e material) e contarán cunha aula exterior para poder realizar actividades ao aire libre. Os recunchos e a biblioteca serán utilizados por un só neno de cada vez, e o baño será utilizado a través do sistema de semáforos.

O xefe territorial destacou o traballo que están a realizar as equipas directivas destes centros e lanzoulles unha mensaxe de tranquilidade, recordándolles a importancia da limpeza de mans de xeito habitual e dos grupos de convivencia estables.

Deja un comentario