+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

Cores Tourís comprobou a execución da reforma da cuberta do patio do CEIP de Sobrada en Tomiño


Estes traballos tiveron un orzamento de arredor de 40.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Tomiño para analizar coa alcaldesa do municipio, Sandra González, as obras de reforma da cuberta do patio do CEIP de Sobrada e que están previstas para o inicio do curso en setembro.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

A obra permitiu a reforma da cuberta do patio interior deste centro, estragada polo paso do tempo. A cuberta estaba formada por placas de fibrocemento, contando pois con fibras de amianto, apoiadas sobre unha estrutura metálica. Os traballos permitiron á substitución completa destas placas por outras de tipo panel sándwich de 40 mm, sendo amarradas á estrutura metálica con abarcón de aceiro, “o que garante maior seguridade e menos peso da cobertura”.

“Estes traballos supuxeron un investimento de arredor de 40.000 euros, xa que foron financiados ao 50% entre Consellería e Concello e atopábanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”, matizou o responsable da Xunta en Pontevedra. De feito, grazas a este importe tamén se puido preparar un aula polivalente e facer outras melloras no CEIP de Barrantes.

Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas nos últimos anos outras melloras no centro como a reforma da instalación eléctrica ou a reposición da acometida da liña eléctrica. “En total, tendo en conta a obra executada na actualidade, estamos a falar de 52.400 euros destinados dende a Xunta a este centro”, explicou Cores Tourís, quen tamén destacou que en total, nos últimos anos, a Consellería de Educación destinou 680.000 euros a melloras nos centros educativos de Primaria e Secundaria do concello de Tomiño.

De feito, o delegado territorial destacou que a obra que hoxe comprobaron forma parte dun conxunto de melloras nos centros educativos que veñen a demostrar que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos colexios e institutos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos” engadiu.

Deja un comentario