+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

A Xunta programa espectáculos a través de «Cultura no Camiño» en concellos da zona de Pontevedra


Cangas, Vilaboa, Ponte Caldelas e Soutomaior acollerán 13 propostas culturais en vindeiras datas
Os concellos de Cangas, Vilaboa, Ponte Caldelas e Soutomaior acollerán nos vindeiros días 13 propostas culturais da man de Cultura no Camiño, o ciclo impulsado pola Xunta de Galicia que ata o 15 de outubro celebra a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a preto de 150 concellos de toda Galicia, 18 deles na provincia de Pontevedra, no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.
Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao abeiro deste programa, que volve contar co patrocinio de Gadis.
Grazas a estas axudas, Cangas ten programados dous eventos no que resta de mes. O primeiro deles será mañá e estará protagonizada por Uxía Lambona e a Banda Molona ás 21,00 h. no recinto Naves Ojea, e o segundo, no mesmo emprazamento, o día 31 ás 21,00 h. neste caso coa música de Mamá Cabra.
A música continúa en Vilaboa o día 28 ás 20,00 h. da man de 24 Instrumentos Populares Galegos no adro de festas de San Adrián de Cobres. Nesta mesma localidade hai programadas outras actuacións, como a de Paco Nogueiras, o día 30 ás 20,00 h. no adro de festas de Bértola; a de Os Meninos, o día 5 de setembro ás 20,30 h no adro de festas de Postemirón, ou a de Blues do País, e o día 27 de setembro ás 20,00 h. no adro de festas de Santa Cristina de Cobres. A última cita no concello de Vilaboa será o día 4 de outubro coa obra de teatro Dous no Camiño (unha historia Xacobea) no Eirado do Alcouce ás 19,00 h.
Concertos e contacontos Ponte Caldelas tamén ofrecerá catro espectáculos en setembro ás 19,00 h. na alameda ao abeiro de Cultura no Camiño: o día 7 o concerto de Cé Orquesta Pantasma, o día 8 a
música de Oradaladou co Cancioneiro de Cotobade, o día 10 un concerto de Xoan Curiel e o día 11 o contacontos Pepiña Maruxiña quere voar.
Para rematar, Soutomaior acollerá diversos eventos que comezarán coa obra de teatro o Camiño de Santiago o día 6 de setembro ás 20,00 h. na Alameda Talo Río. Alí mesmo, o día 27 celebrarase o concerto Chiki Lora- acústico ás 13,00 h. Xa en outubro, o día 3 haberá música a cargo de O Capitán Garfo ás 18,30 h. no campo de San Benito e o día 4 terá lugar o espectáculo de novo circo Forzu2 ás 18,30 h, no peirao de Arcade.
Cómpre lembrar que as anteriores convocatorias dese ciclo centrábanse exclusivamente nos concellos situados no Camiño de Santiago, pero este ano ábrese a todos os municipios grazas ao incremento en máis do triplo da dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando, en consecuencia, 70 municipios máis que en 2019. Deles, 38 incorpóranse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto. Así, ofreceranse arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.
Dinamización e descentralización cultural
Búscase así impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.

Deja un comentario