+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xaneiro de 2021

Comeza a construción das pozas termais públicas ao aire libre no proxecto de rehabilitación dos Baños do San Xusto


A actuación atópase moi avanzada e retirará a andamiaxe a finais deste mes para comezar cos acabados, servizos e detalles interiores

O proxecto de rehabilitación do antigo complexo termal dos Baños do San Xusto, que arrancou o pasado mes de xaneiro, vén de entrar na súa fase final co inicio da construción das pozas públicas ao aire libre, que estarán deseñadas a partires das trazas e das bañeiras preexistentes e que serán un dos grandes atractivos desta instalación posto que o seu uso será libre.
Polo demais, a restauración segue avanzando a bo ritmo e atópase moi avanzada co obxectivo de tela rematada no presente exercicio para manter o cronograma de poñer o recinto en funcionamento durante a primeira metade do ano 2021 con balneario, pozas públicas, saunas e zonas de lecer e esparcemento natural.
Así, xa está rematado o chorreo da pedra da antiga minicentral para favorecer o seu lucido e respectar a súa fisonomía de antano, xa están abertas as grandes fiestras para reforzar o contacto dos usuarios coa natureza e co río Lérez e xa está colocada a cuberta sobre trabes de ferro e madeira. Por elo, agora estase a traballar en tres frontes tras o comezo da reconstrución das pozas públicas –emprazadas no acceso ao futuro balneario–, xa que estanse rematando os traballos exteriores no edificio para retirar a andamiaxe a finais de mes e centrarse nos acabados, servizos e detalles interiores e tamén estase acelerando a rehabilitación da antiga Casa do Muiñeiro e dos catro muíños, xunto cos seus muros exteriores, para convertelas en saunas con miradoiro.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que supervisa semanalmente esta actuación na que se invisten 700.000 euros financiados pola Xunta ao abeiro do primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia, amosou a súa satisfacción “por ver os avances dunha obra histórica para o noso concello e tamén porque a actuación vai en prazo malia certa paralización sufrida na primavera pola crise sanitaria do coronavirus”. Ademais, e á vista do resultado que xa se atisba, o rexedor tamén revelou o seu optimismo, “xa que todo apunta a que os Baños do San Xusto serán o mellor recinto termal público da provincia de Pontevedra e posiblemente un dos tres mellores de toda Galicia xunto cos de Ourense”.

A obra consiste na rehabilitación da antiga minicentral en balneario con capacidade para vinte persoas nos baños e outras tantas nas zonas de descanso e relax, que son moi precisas pola forza das augas sulfurofluroadas que deben tomarse espaciadamente; a recuperación dos muíños e da Casa do Muiñeiro en saunas acristaladas; a reconstrución das antigas bañeiras para o seu uso libre como pozas públicas; a restauración dos edificios anexos e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna; e unha reordenación integral con espazos de lecer naturais, fontes cubertas para beber as augas, sendas, plataformas de madeira, accesos, urbanización e acondicionamento da vexetación.

Deja un comentario