+034 986 09 02 04 Martes 19 de Xaneiro de 2021

Justa Monero: » A seguir coa culler sempre en alto»


 

A muller do loitador antifranquista Chato Galante participou hoxe nas II Xornadas de Memoria da Deputación destacando a “forza do movemento memorialista galego”
Jacinto Lara, integrante da equipa da abogacía da querela arxentina subliña que a loita contra a impunidade “é un conflito político”

As Xornadas de Memoria Histórica da Deputación tiveron hoxe como acto central a homenaxe a Chato Galante, loitador antifranquista que faleceu o pasado mes de marzo traballando a eito para loitar contra a impunidade das persoas asasinaron, torturaron e vexaron durante a ditadura. Na homenaxe, a primeira dende o pasamento, estivo presente a parella de Galante, a coñecida activista feminista Justa Montero, quen animou a toda a cidadanía “a seguir coa culler sempre en alto” contra a impunidade, referíndose á culler que o propio Chato Galante utilizara para fuxir do cárcere como símbolo da esperanza de que non existe nada imposible.
Justa Montero, que recibiu de mans da deputada de Memoria Histórica María Ortega a figura dunha redeira de Sargadelos coa inscrición ‘A Chato Galante, que teceu redes de memoria na Galiza’, fixo referencia á importancia do pobo galego para a súa parella. “Cada vez que estaba aquí volvía con entusiasmo renovado pola forza do movemento memorialista galego. A súa homenaxe é unha homenaxe a todas as persoas que loitan pola verdade, a xustiza e a reparación”, destacou.
Na homenaxe tamén participou o compañeiro de celda Gus Gómez, outra das vítimas de Billy El Niño, quen fixo un percorrido polas vivencias compartidas, quen destacou a importancia que Galante daba á participación na querela contra o Franquismo. “Tiña unha concepción radical dos dereitos
humanos. Convenceu a todos da importancia das querelas que tamén puxemos en marcha co Grupo de Avogados Novos de Vigo, comenzando polos casos das familias Bóveda, Paz e Caamaño”, relatou, para finalizar asegurando que é preciso “excavar novos túneles de liberdade e ter sempre a man unha culler”.
Pola súa parte, a integrante da Iniciativa Galega pola Memoria, Montse Fajardo, tamén subliñou o papel central de Galante no convencemento das asociacións galegas para sumarse á loita xudicial. “El deunos o pulo definitivo, o empurrón. (…) Chato sempre vai estar nun lugar de honra na IGM”, afirmou.

Na homenaxe a Chato Galante realizouse a estrea do vídeo conmemorativo sobre a súa loita dirixida por Almudena Carracedo e Robert Bahan, responsables da laureada película ‘El silencio de otros’. Participaron Lucía César Veloso e Manolo Dopico cunha sentida actuación musical na que a cantante explicou a súa sorpresa cando coñeceu a Galante e o viu cantar o himno galego na súa totalidade, peza que aprenderá estando no cárcere con compañeiros galegos.
Unha das sorpresas da xornada foi a toma da palabra por parte de importantes dirixentes do movemento memorialista do País Vasco, Josu Ibargutxi e Enrique Gesalada Larreta, da Plataforma Vasca contra os crimes do franquismo e a Asociación 3 de marzo, que puxeron de manifesto a súa vinculación con Galante e a realidade da loita contra a impunidade no seu territorio.
Relatorios
Ademais da homenaxe a Galante, durante a mañá tamén participaron varios dos integrantes do grupo da avogacía que está levando adiante a querela arxentina en España e en Galiza. Jacinto Lara subliñou que a loita contra a impunidade do franquismo “non é unicamente unha loita xudicial, xa que está a plantexar un conflito político ao Estado español, que na transición implementou un modelo de impunidade que se consolidou durante 40 anos: É un conflito político”, salientou.
Lara avogou por facer reformas lexislativas no ordenamento xurídico español para poder incorporar o dereito internacional que, segundo dixo, está a “presionar de maneira interesante e molesta ao Estado español”. Criticou duramente a sentenza do Tribunal Supremo de 2012 que está a impedir que se xulguen os feitos do franquismo e puxo de relevo como exemplo o acontecido coa declaración indagatoria de Martín Villa, permanentemente boicoteada dende os xulgados e o Goberno.
Pola súa banda, a xornalista Cristina Fallarás fixo unha exposición crítica do papel dos grandes medios de comunicación de masas no relato da Transición. Destacou a súa importancia na xerarquización da realidade ao elixir que feitos contar á cidadanía, dándolle máis ou menos importancia.
Neste sentido, subliñou que a memoria histórica estivo claramente relegada dende a Transición ata o ano 2017, cando empezaron a mudar os posicionamentos.
Ao seu entender, nesa data, ao aparecer os medios novos que non requiren de investimento de capital como os tradicionais, o relato compeza a cambiar. Subliñou que tamén as redes sociais afectaron, xa que empezan a poñer sobre a mesa temas desaparecidos e persoas que non tiñan voz, rompendo a xerarquización imposta. “Aparece de novo o Valle dos Caídos, aparece Meirás, aparecen foxas… e como os medios imperantes vén que é un relato imparable, asumírono e apropiáronse del”, dixo, “pero abstraéndoo para que se evite tratar os casos particulares que deben seguir estando presentes”.
É por iso que Fallarás animou a seguir mantendo o relato, a utilizar os medios dispoñibles e as redes sociais, porque “é unha oportunidade que hai que aproveitar”, finalizou.
Finalmente, xa pola tarde celebrouse unha mesa redonda con Tareixa Navaza; Margarita Ledo; Xurxo Souto e Santi Cortegoso e un monólogo de Alberto San Juan titulado ‘Autorretrato de un joven capitalista’.

Deja un comentario