+034 986 09 02 04 Mércores 30 de Setembro de 2020

O goberno de Carmela Silva insta unha vez máis a Feijoo a que convoque as Deputacións Galegas para «Unha xuntanza que xa é imprescindible»


 

A presidenta provincial de Pontevedra sinala que a Xunta ten que informar da posta a disposición ao mundo local dos recursos extraordinarios para poder facer fronte ás novas necesidades xeradas pola pandemia

A través dunha carta asinada pola presidenta provincial Carmela Silva, o goberno da Deputación de Pontevedra volveu a instar hoxe ao presidente Núñez Feijoo a convocar canto antes as catro deputacións galegas para que a Xunta de Galicia informe de como van a achegar aos entes locais os recursos extraordinarios que está a enviar o goberno do estado para enfrontar o novo escenario xerado pola pandemia da Covid19.
No escrito, a presidenta lembra a Núñez Feijoo que aínda que o presidente galego nunca respondeu a anteriores solicitudes de encontro en relación coa Covid19, “agora, ante o escenario actual, considero imprescindible que esta xuntanza se celebre, incorporando a mesma ás catro deputacións, a FEGAMP e as 7 grandes cidades galegas co obxectivo de coñecer as decisións que vai tomar a Xunta de Galicia para a posta a disposición de recursos extraordinarios dirixidos ao mundo local, Deputacións e concellos“. Carmela Silva sinala na misiva que eses recursos van permitir que as administracións más próximas a cidadanía poidan enfrontar ás inversións derivadas da pandemia, e recorda a Feijoo que outras Comunidades Autónomas xa o fixeron reuníndose coas entidades locais.
A presidenta provincial lembra tamén que a Unión Europea xa aprobou ingresos extraordinarios para os Estados membros; que o Goberno de España tamén habilitou recursos para as Comunidades Autónomas; e que as propias Deputacións aprobaron recursos para actuacións nos concellos, mesmo de competencias impropias derivadas de normas da Xunta de Galicia. “Sen embargo, di Silva, a Xunta non puxo a disposición das entidades locais os recursos que precisabamos para garantir dereitos e servizos imprescindibles hoxe mais que nunca, polas novas necesidades derivadas da crise sanitaria”.

Igualmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra recorda na carta ao presidente da Xunta que “é unha obriga que cada Administración Pública faga fronte ás súas competencias e non se deriven ao mundo local. Pero tamén é necesario, subliña, que a colaboración e a coordinación veñan acompañadas de medios extraordinarios que a administración autonómica debe facer chegar a todos os concellos, no noso caso, da provincia de Pontevedra”. Por todo elo, Carmela Silva anima a Núñez Feijoo a “converter á cogobernanza na ferramenta que permita que a cidadanía nos visualice como a representación pública que responde ás súas demandas”.
A presidenta provincial remata o seu escrito lembrando que, aínda que os tempos son complicados e as medidas complexas, “é imprescindible que traballemos xuntas e xuntos e que unha parte dos recursos que a Xunta está recibindo do Goberno de España sexan trasladados a concellos e deputacións para poder facer fronte a esta pandemia”.

Deja un comentario