+034 986 09 02 04 Mércores 30 de Setembro de 2020

O Museo duplica visitantes con respecto xullo e agosto de 2019 grazas á reapertura das Ruínas de San Domingos


 

A dirección do Museo anuncia a elaboración dun audiovisual 3D sobre o seu edificio máis antigo para mellorar a experiencia da visita e que as persoas teñan máis fácil acceso ás características e historia

O Museo de Pontevedra vén de duplicar o número de visitantes recibidos durante os meses de xullo e agosto deste ano 2020, un total de 33.266 persoas, respecto aos do pasado exercicio de 2019, cando se alcanzaron 15.779. Estes bos resultados, a pesares da pandemia da COVID-19, veñen motivados pola reapertura das Ruínas de San Domingos, que o pasado ano permanecían pechadas por labores de mantemento.
Os datos contabilizados pola Dirección do Museo revelan que neste 2020 o número total de visitantes no mes de xullo ascendeu a 8.694 persoas, sendo o 77% correspondentes ás Ruínas e o resto ao Sexto edificio e ao Fernández López. No caso do mes de agosto o número total de visitantes foi de 24.574 e o das Ruínas 20.784 persoas, é dicir, o 84%. Pola súa banda, no Sexto Edificio do Museo este ano apenas se chegou a un 34% das persoas rexistradas en 2019 debido claramente ás consecuencias da pandemia da COVID-19 que mermou o número de turistas –a meirante parte galegas e estatais- e obrigou a limitar os aforos de cada espazo expositivo.
O director Xosé Manuel Rey amosou a súa satisfacción polo atractivo das Ruínas de San Domingos, das que subliñou que a súa ubicación nunha zona céntrica de tránsito fai que atraía a unha tipoloxía de visitantes moi distinta que o resto dos edificios do Museo. “Neste verán houbo días de verdadeira afluencia, chegando a formarse colas con moita xente agardando para poder entrar debido ao aforo permitido”, explicou.
Insistiu en que as Ruínas de San Domingos é o inmoble máis antigo dos que conforman o conxunto do Museo e, a pesares do tránsito de visitantes, é pouco coñecido en canto ás súas características e á súa historiae anunciou, por este motivo, que se está a traballar na realización dun audiovisual en 3D co fin de mellorar a experiencia da visita. “Queremos que as persoas teñan máis fácil acceso á información cun formato máis atractivo que os paneis actuais”, salientou.
Hai que lembrar que o Museo reabriu as súas portas tras o confinamento o 2 de xuño co aforo das súas instalacións reducido incluso a menos do 30% da capacidade, co fin de proporcionar todas as garantías sanitarias. Dispúxose dunha sinalización informativa e de distanciamento en todos os edificios: Instaláronse mamparas separadoras en todos os lugares nos que hai contacto entre o público e o persoal traballador, principalmente nas salas de acceso e de investigación. Tamén se colocaron elementos indicativos no chan marcando distancias de seguridade, itinerarios preferentes mediante frechas e paneis informativos varios.
A actividade reiniciouse coa prolongación das mostras vixentes antes do peche, as dedicadas a Leopoldo Nóvoa e ‘Debuxantas’, que pecharon a finais do mes de agosto. O vindeiro 24 deste mes inaugurarase unha nova exposición da que se dará conta nos vindeiros días.

Deja un comentario