+034 986 09 02 04 Mércores 30 de Setembro de 2020

Liberdade e Compromiso: Xaime Quessada


O Museo acolle dende o 24 de setembro ao 10 de xaneiro a súa primeira monografía antolóxica sobre o autor ourensán
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá dende o vindeiro 24 de setembro ao 10 de xaneiro de 2021 a súa primeira monografía antolóxica sobre o artista ourensán Xaime Quessada. Esta exposición, a última grande prevista polo Museo para este ano, é unha mostra comisariada por Pilar Corredoira na que exhibirán máis de medio cento de obras realizadas ao longo de cinco décadas de actividade creadora e na que se reflicten dúas das características máis outorgadas ao autor: liberdade creativa e compromiso social.
Segundo explica o director do Museo Xosé Manuel Rey, esta mostra terá unha grande significación e importancia dentro da traxectoria expositiva do Museo de Pontevedra, xa que ademais de ser unha monográfica e antolóxica dun pintor chave na historia artística galega, con ela estréase a nova imaxe corporativa da institución pontevedresa presentada publicamente o pasado mes de xullo.
A idea da expo é ofrecer un percorrido coherente e unha “lectura nítida e enriquecedora” do autor. Dentro do itinerario proposto móstranse aquelas obras temperás, de finais dos anos cincuenta; as da década dos sesenta que xa revelan o artista batallador, viaxeiro e culto, e a elas engádenselles novas creacións que irán definindo as transformacións estilísticas e temáticas que teñen lugar nos anos seguintes, á vez que se afianza a súa linguaxe.
Veranse os traballos de Quessada arredor da tradición española, o pop art, o clasicismo, a figuración esquemática, o cubismo e poscubismo; as series da música e danza e o que el denominará a “metamorfose dos estilos” aplicada ás composicións paisaxísticas, ás escenas de interiores e de
figuras.

Tamén se porán de manifesto os conflitos que marcaron a historia recente do mundo e que o artista viviu con grande intensidade deixando a impronta desas impresións na súa obra. Asuntos de extrema gravidade que lle afectaron á sociedade global nos últimos cincuenta anos –como a IIGM, Vietnam, Kosovo, Ruanda, Timor, Chenchenia, Etiopía, o 11S e Agfanistán…-, narrados desde unha particular visión crítica e áspera, non exenta de sensibilidade.
Por outra banda, incidirase en que unha cuestión salientable na obra de Quessada é Galicia, unha terra natal que estará sempre presente no ánimo do artista e formará parte dos seus anhelos desde o principio da súa carreira.
A selección de obras –comisariada por Pilar Corredoira- procede de museos, coleccións institucionais, públicas e privadas, así como da fundación que leva o seu nome: MNCARS (Madrid), Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Municipal de Ourense, Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Parlamento de Galicia, Colección Abanca (A Coruña), Colección Afundación (Vigo), Fundación Xaime Quesada Blanco (Ourense) e Universidade de Santiago
de Compostela.
Entre as obras seleccionadas sinalamos as seguintes: Estío (1959), El dictador (1961), A pombiña (1963), El laberinto español (1964), Al alba (1960-1970) Camboya (1967), Tensión (1971), Esfola na ponte das Pías (1972), Pop Fiction (1973), En Galicia un día (1973), El dragón (1979), Érguete Galicia (1975), Jaime (1982), Concepto de espacio (1985), O soño (1989), El ensayo (1991), El perro azul (1995-1997), A música I (1997), Las torres gemelas (2002) e El laberinto español (2003).

Deja un comentario