+034 986 09 02 04 Mércores 30 de Setembro de 2020

O Concello remodela a casa consistorial de Cerdedo para mellorar a súa accesibilidade e confortabilidade


A actuación céntrase na construción dunha rampla exterior e outras pequenas obras para permitir o acceso de persoas en cadeira de rodas

O Concello de Cerdedo-Cotobade está a efectuar unha importante remodelación da casa consistorial de Cerdedo, que xa precisaba dalgunhas melloras tras máis de vinte anos en funcionamento, destinada a mellorar principalmente a accesibilidade do edificio e tamén a confortabilidade do mesmo para favorecer a atención aos veciños e as condicións de traballo do persoal municipal.
Con motivo do inicio destes traballos, nos que se invisten uns 40.000 euros, o alcalde, Jorge Cubela, e a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro fixeron un percorrido polo edificio para supervisar os mesmos e perfilar os derradeiros detalles para que sexan executados e incluídos nas obras durante as vindeiras semanas.
O proxecto contempla, como principal actuación, a construción dunha gran rampla exterior, cunha pendente suave, e doutras pequenas obras na entrada co obxectivo de que poidan acceder con comodidade ao edificio as persoas en cadeira de rodas.

Ademais, tamén estase a proceder ao reemprazo do tellado, xa que, dun tempo a esta parte, comezaron a producirse filtracións de auga por un lateral do mesmo que chegaban ata a cámara de protección e xeneraban humidades. Esta mellora céntrase na zona afectada, pero estase aproveitando a mesma para revisar toda a cuberta. Finalmente, o proxecto de remodelación tamén contempla a renovación de parte das infraestruturas do servizo de fontanaría, que comezan a quedar obsoletas tras décadas de uso e precisan de materiais máis modernos.
Esta obra, que está a ser executada pola empresa Pablo Moreiras tras ofrecer unha baixa do 8% entre as catro firmas de Cerdedo ás que se incluíu no procedemento de contratación, foi calificada por Cubela como “moi importante, sobre todo para corrixir as eivas de accesibilidade e permitir que a sede administrativa de Cerdedo estea aberta para todos, e tamén para facer que este nobre edificio sexa o máis confortable posible e os veciños estean cómodos cando fagan as súas xestións coa administración local”.

Deja un comentario