+034 986 09 02 04 Mércores 30 de Setembro de 2020

Moraña inicia o plan de obras rurais deste outono coa renovación do firme en todo o viario interno da aldea de Fontenla


Esta actuación, que conta cun orzamento de 40.000 euros, arrancou coa limpeza da vía e consiste na mellora de dez treitos de pistas

O Concello de Moraña vén de comezar co plan de obras na zona rural proxectado para este outono, que contempla melloras en 1.200 metros de pistas e o reforzo de medidas de seguridade cun cento de metros de muros de contención en seis parroquias e un investimento global de 140.000 euros. En concreto, estas actuacións arrancaron na aldea de Fontenla, na parroquia de Laxe, na que se procederá á renovación do firme de todo o seu viario interno.
Esta obra, que conta cun orzamento de case 40.000 euros financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020, comezou coa limpeza da vía, que foi supervisada pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, e os técnicos municipais para perfilar diversos detalles antes de que se afronte a súa execución, que ten un prazo de dous meses.

Nesta aldea a mellora do firme comezará no entronque coa estrada provincial EP- 8202 e alcanzará os dez treitos da súa parte interior ata sumar 666 metros de pista.

Neste espazo procederase á limpeza de cunetas co obxectivo de aproveitar ao máximo a anchura existente, acometerase o fresado do pavimento deteriorado, reasfaltarase cun groso de 5 centímetros e realizarase o realce das tapas de rexistro e dos sumidoiros de augas pluviais.
A continuación, o Concello executará outro proxecto viario na zona rural, dotado con 98.713 euros e tres meses de prazo de execución, centrado tanto na mellora das condicións das pistas como na adopción de medidas de seguridade. Consistirá na construción dun muro de 28 metros no Piñeiro (Amil), outro de 30 con 3 metros de altura e unha bionda de 54 en Rebón de Arriba, un de 18 por 4,50 no Castro (Rebón),
outro de 17,50 por 3,50 na Igrexa (Santa Xusta) e un quinto de 5 por 3,90 metros en Suigrexa (Saiáns). Así mesmo, con este proxecto modernizarase a capa de rodadura dun treito de 320 metros no Souto (Lamas) e outro de 200 metros na Igrexa (Santa Xusta), onde tamén se procederá á construción de 120 metros de cuneta cun metro de anchura.

Deja un comentario