+034 986 09 02 04 Mércores 02 de Decembro de 2020

Comunicado de actualización da situación da Covid19 no Concello de Marín


 

A alcaldesa de Marín vén de rematar a súa participación na reunión de seguemento coa Consellería de Sanidade e cos alcaldes do resto de municipios afectados polas restriccións sanitarias: Pontevedra, Poio e Vilaboa, así como co alcalde de Sanxenxo.

Sanidade informou dunha tendencia á baixa da incidencia, rexistrándose onte ás 00.00 horas (última medición) 46 casos activos positivos en Marín. Ademais, hai 106 persoas en seguemento por parte dos servizos sanitarios.

A alcaldesa afirma que é necesario e importante «seguir traballando para continuar con esta baixada e seguir freando o avance da pandemia».

Coa colaboración do subcomité clínico creado para tal fin, seguirán estudándose os brotes específicos na nosa vila e analizándose como está a circular o virus na localidade. Segundo se indicou, a incidencia en Marín afecta especialmente a xente nova.

Entre as medidas específicas que se van tomar, a maiores das que se decretaron onte, está a redución ao 50% dos postos do mercadillo, que irán turnándose segundo as súas licenzas, empezando polas pares a próxima semana.

No que respecta ao control, haberá un maior control por parte da Policía Local para garantir o cumprimento das medidas, especialmente no sector da restauración.

Mañá pola mañá haberá unha reunión de traballo de seguemento local para continuar coordinando as actuais medidas e valorar as actuacións a tomar nos próximos días.

Deja un comentario