+034 986 09 02 04 Sábado 24 de Outubro de 2020

O Concello acomete o acondicionamento integral, con melloras hidráulicas e pavimentación, na aldea do Outeiro


Procedeuse á canalización das augas pluviais, a realización de reformas no abastecemento de augas e a dotación de novo firme en formigón

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar o proxecto de acondicionamento integral da aldea do Outeiro, na parroquia de San Xurxo de Sacos, que consistíu na execución de melloras hidráulicas e de pavimentación seguindo a mesma liña de actuacións acometidas en lugares próximos con Fontán ou O Barral, entre outros.
Esta obra, que contou cun orzamento de 47.000 euros, complementa o cronograma de infraestruturas municipais previsto para o presente exercicio, xa que engadíuse ao mesmo antes do previsto –tíñase fixado para o ano 2021– grazas á existencia de baixas nos concursos públicos, neste caso dos financiados ao abeiro do Plan Concellos. “Ser un Concello serio, que paga rápido aos seus provedores, e que aposta pola transparencia, os concursos públicos, a igualdade de oportunidades e a concorrencia empresarial ten premio porque sempre recibimos moitas ofertas e moi competitivas nas obras e iso produce baixas que xeneran uns recursos que redundan no beneficio dos veciños e do interese xeral, como neste
caso”, explicou o alcalde, Jorge Cubela.
En canto á actuación realizada no Outeiro, consistíu na instalación dunha rede de canalización para todas as augas pluviais que evitará as escorrentías polo núcleo, a realización de reformas no abastecemento de augas para consumo humano e a dotación dunha nova pavimentación a base de formigón rallado que garante a axeitada mobilidade interna evitando caídas ou accidentes, xa que ata a data o terreo era en ocasións moi esvaradizo nas xornadas de choiva pola forte pendente de varios puntos da aldea.
Finalmente, Cubela destacou a importancia deste proxecto “para darlle continuidade ás constantes modernizacións viarias que estamos a facer en San Xurxo de Sacos” e engadíu que as 21 parroquias de Cerdedo-Cotobade contan con cronogramas similares, que se van desenvolvendo consecutivamente, para mellorar as condicións de tránsito tanto para peóns como para vehículos.

Deja un comentario