+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Román Rodríguez anuncia un investimento de preto de 190.000 euros para rehabilitar a igrexa de Palio, unha xoia prerrománica excepcional en Galicia


O conselleiro de Cultura e Educación explicou que a intervención neste singular templo se dividirá en dúas fases

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou dous emblemas do patrimonio cultural de Galicia: o Altar do Sol de Alperiz e a igrexa de Santa Eulalia de Palio, ámbolos dous situados en Lalín.

Con motivo da súa visita a esta última, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia anunciou un investimento de preto de 190.000 euros co fin de rehabilitar a sancristía, de considerables dimensións, e o templo. Trátase dunha verdadeira xoia prerrománica, posto que é unha mostra case única dentro das construcións desta época que se conservan na Comunidade galega.

Segundo explicou Román Rodríguez, a intervención neste conxunto prerrománico farase en dúas fases. Primeiro actuarase nas cubertas da igrexa e a sancristía, e nunha segunda fase realizaranse obras de consolidación e demais traballos interiores. Neste momento estase rematando de supervisar o proxecto.

Gran interese histórico
Pese a ser un templo pequeno, ten un considerable interese histórico e, por tanto, un gran valor patrimonial, polo que é precisa esta actuación de rehabilitación e conservación. A igrexa de Palio ten as características formais e construtivas dos templos rurais románicos e conta ademais cunha solución de cuberta en estrutura de madeira moi elaborada, así como dunha notable calidade construtiva. A maiores, conserva pinturas murais sobre recebo de cal.

Altar do Sol
Por outro lado, o conselleiro tamén comprobou os traballos arqueolóxicos que, desde esta mesma semana, se están levando a cabo no denominado Altar do Sol, situado en Alperiz. Tal e como comprometeu Román Rodríguez, as actuacións –realizadas pola empresa Arkaios S.L– comezaron a mediados desta semana, cunha limpeza da vexetación na zona primeiro, para despois proceder á escavación, xa iniciada.

De feito, o obxectivo desta intervención pasa por avaliar a morfoloxía do xacemento, as súas características, funcionalidade e cronoloxía de cara á súa posta en valor, tendo en conta que se trata dunha estrutura megalítica excepcional dentro do estudado ata o momento no noroeste peninsular.

A estes traballos -promovidos pola Consellería a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e cun investimento de 18.525 euros- poderanse sumar outras futuras actuacións no entorno que poida realizar o concello de Lalín en aras de camiñar cara unha mellora integral deste singular xacemento.

Deja un comentario