+034 986 09 02 04 Martes 01 de Decembro de 2020

A cultura é a protagonista da fin de semana en Soutomaior


A concellería programa tres actividades para o sábado e domingo

O Concello de Soutomaior, a través da súa concellería de Cultura, ten programado unha fin de semana chea de variadas propostas para todos os públicos. A iniciativa inclúe un concerto de música coral tradicional, unha sesión vermut con talleres infantís e unha obra de teatro dirixida ao público
familiar.
A Coral Polifónica de Soutomaior será a encargada de abrir esta fin de semana cultural co seu concerto no edificio multiusos de Arcade a partir das 21:00 horas. A entrada ao recital é totalmente gratuíta pero o auditorio contará con aforo limitado polo que se recomenda acudir con tempo de antelación para evitar aglomeracións.
O domingo a actividade trasladarase á alameda Tallo Río de Arcade e consistirá nunha sesión vermut a cargo do músico Chiki Lora e dous talleres para os máis pequenos. Un de chapas artísticas e outro no que se realizará un mural colaborativo. A actividade comeza ás 13:00 horas e para participar nos talleres os interesados poderán inscribirse @gratuitamente alí mesmo.
Por último, a partir das 18:30 horas o grupo de Teatro Ilusionistas de Pontecaldelas interpretará no multiusos de Arcade a súa obra “A Festa de Primavera”. Unha función para o público familiar no que a natureza e os animais do bosque son os grandes protagonistas.
Para participar en calquera das iniciativas será necesario atender todas as recomendacións sanitarias e protocolos contra a Covid 19, como o mantemento do distanciamento social e uso de máscaras e xeles
hidroalcohólicos.

Deja un comentario