+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

A Xunta colabora co concello de Sanxenxo para garantir a distancia social debido á covid-19 no Paseo da Praia de Silgar


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitaron hoxe os traballos que o Goberno galego apoiou con 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para ampliar o espazo de circulación destinado aos peóns

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Sanxenxo coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o alcalde Telmo Martín para coñecer as actuacións previstas na semipeatonalización do paseo de Silgar co obxectivo de manter o distanciamento social debido á covid-19.
O Goberno galego destina a este proxecto unha axuda de 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental e trala sinatura dun convenio entre a Xunta e o concello para dar resposta á necesidade de ampliar o espazo de circulación peonil na zona e permitir a mobilidade das persoas sen risco sanitario, sobre todo na época estival cando se incrementa a afluencia turística no concello. Desta forma, adecuarase o pavimento actual con maior espazo para os peóns e reforzarase a sinalización para lembrar a necesidade de gardar a distancia social.
Natalia Prieto incidiu na necesidade da colaboración entre administracións, sobre todo no actual contexto derivado da covid-19, para axudarlle ás entidades locais a executar iniciativas que redunden directamente no benestar da veciñanza.
A colaboración co concello supuxo este ano un investimento de case 247.000 euros do Goberno galego e inclúe outras axudas do Fondo de Compensación Ambiental para construír un valado de protección do río Baltar, ademais da posta en marcha dun proxecto conxunto dos municipios da Mancomunidade do Salnés para crear unha instalación fotovoltaica. Ademais, mediante a orde de Infraestruturas de uso público, a Xunta cooperará na ampliación da zona de xogos do parque Vicaño. Tamén destinou este verán máis de 50.000 euros para a posta en marcha das medidas do convenio para colaborar no
financiamento de medidas de prevención da covid-19 nas praias.

A Administración autonómica investiu máis dun millón de euros nos últimos anos no municipio a través de distintos convenios e liñas de axudas coas que mellorar a calidade de vida e os servizos prestados aos cidadáns.

A directora xeral de Administración Local destacou que a colaboración que vén mantendo o Goberno galego co concello de Sanxenxo permitiu bos resultados en distintos ámbitos como a seguridade cidadá ou as emerxencias. Así, nos últimos anos ambas administracións acordaron a contratación de auxiliares de Policía Local para o verán. Ademais, desde que en 2013 comezaron a funcionar os Grupos de Emerxencias Supramunicipais na nosa comunidade, o GES de Sanxenxo ten recibido axudas da Xunta para o seu funcionamento e para mellorar o seu equipamento.

Deja un comentario