+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

Cores Tourís comproba o remate das obras de adecuación do campo da feira de Meis


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra comprobou a adecuación deste espazo como zona de recreo e esparexemento executadas grazas a unha subvención da Consellería de Presidencia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, visitou o campo da feira de Meis, en compaña do alcalde da localidade, José Luis Pérez, co obxectivo de comprobar as obras executadas neste entorno que permitirán a súa adecuación como zona de recreo e esparexemento.
Trátase dun espazo, situado na praza de España, que, unha vez remodelada polo concello, permitirá aos veciños, como nova área multifuncional, a realización de actividades de natureza, culturais e lúdica, utilizándose ao mesmo tempo como zona de descanso e lecer.
Os traballos foron executados polo concello, grazas a colaboración da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, con cargo á orde do 22 de decembro para a mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais e destinados á concellos de Galicia, cofinanciadas polo fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia. Para este fin, a administración autonómica destinou un total de 5,8 millóns de euros, dos que 1,5 millóns corresponden a provincia de Pontevedra, beneficiándose na mesma 38 municipios.
O concello de Meis acolleuse a esta axuda que supón o 80% do investimento total da obra, que no caso da renovación do campo da feira, supuxo un total de 13.000 euros (con IVE).
As actuacións contemplaron a realización da mellora do pavimento nunha zona da praza, “xa que era moi necesario ao encharcarse en inverno e non poder ser aproveitada así polos veciños axeitadamente”, explicou o alcalde de Meis.
As obras supuxeron a instalación dunha lousa continua de formigón armado coas vertentes necesarias para a evacuación das augas pluviais cara ao perímetro, que foi limitado por un bordo de formigón.
O delegado territorial destacou a execución desta obra que “permitirá á cidadanía gozar deste entorno, recordando que a cinco metros atópase un concorrido parque de nenos e o auditorio municipal”. Tamén destacou que a Xunta de Galicia aposta pola execución de proxectos coma estes, xa que “axudan á mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais, fomentando a implantación e mellora dos servizos básicos e dinamizando este tipo de concellos”.

Deja un comentario