+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

Feijóo ratifica o seu compromiso co concello de Marín para afondar nunha colaboración que xa permitiu desbloquear temas de importancia como a aprobación do PXOM ou o Centro de Saúde


Subliña que a aprobación definitiva do PXOM, logo de 34 anos de agarda, dá resposta á problemática dos núcleos do litoral

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, vén de ratificar o compromiso da Xunta co Concello de Marín para afondar nunha colaboración entre ambas administracións que xa permitiu desbloquear temas importantes para o municipio pontevedrés como a aprobación do PXOM, a construción do novo centro de saúde ou o remate das obras da variante de Marín. Estes foron os principais puntos abordados na xuntanza que o titular da Xunta mantivo coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, na que tamén se planificaron actuacións de futuro que continúen co traballo realizado ata o de agora.

Neste eido, o responsable do Goberno galego destacou os fitos acadados en materia de urbanismo e sanidade pública. Así, subliñou a aprobación definitiva do PXOM de Marín en 2012, logo de 34 anos de agarda e que dá resposta á problemática dos núcleos do litoral como é o caso de Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor.

Na reunión levada a cabo entre presidente e alcaldesa, o mandatario galego salientou ademais que o novo centro de saúde, no que a Xunta investiu máis de 5,2 millóns de euros, estará en funcionamento na primavera de 2016. A nova infraestrutura sanitaria agrupará a atención que se presta actualmente na Casa do Mar e no actual centro de saúde e contará con numerosos espazos médicos entre os que destacan 12 consultas de medicina xeral, 11 de enfermería, 4 consultas de pediatría, e na área de urxencias (PAC) contará con 3 consultas de medicina xeral, 2 de enfermería, un box de críticos e unha sala de observación.

No eido do saneamento, Feijóo lembrou o convenio asinado co Concello de Marín en 2010 por 5,6 millóns de euros. Ao abeiro deste documento, a Xunta de Galicia licitará en 2016 a obra de mellora do colector xeral e nova impulsión que será financiado con Fondos FEDER. Do mesmo xeito, o presidente do Goberno galego asegurou que a Xunta seguirá traballando nas obras de mellora de saneamento do rural en Marín para poñer en servizo antes da fin de ano as obras de Pereiro que teñen lugar nos ámbitos de O Pozo e Cadrelo e que suman 1 millón de euros, así como os sumidoiros en Miñán – A Esperela.

Mellora das infraestruturas marinenses
Un dos puntos de maior relevancia tratados no encontro de hoxe foi a mellora das infraestruturas marinenses nos últimos anos. Neste aspecto cabe destacar o remate da variante de Marín e nó de celulosas que foi inaugurada en 2012 tras 20 anos de tramitacións e que contou cun investimento total de 37,7 millóns de euros. As obras de remate da variante levadas a cabo entre a Xunta e o Ministerio de Fomento permitiron reducir á metade o tempo de viaxe entre Pontevedra e Bueu aos 9.000 coches que usan esta estrada diariamente.

Con vistas a seguir mellorando as infraestruturas viarias do concello e grazas a petición expresa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, os Presupostos Xerais do Estado 2016 consignarán medio millón de euros, con proxección doutro medio millón en 2017, para a reurbanización da Avenida de Ourense (estrada estatal PO-11).

Tocante o desdobramento do corredor do Morrazo, o presidente anunciou que vén de asinarse o contrato para a realización das obras do subtreito I (Rande-enlace Domaio) que serán iniciadas en outubro de 2015 e que a Xunta traballa para licitar o contrato das obras do subtreito II (enlace Domaio-Meira) a finais de 2015. A obra terá un orzamento duns 50 millóns de euros.

Educación e Benestar
A política social foi outro dos piares sobre o que se cimentou a conversa entre os dous mandatarios. O presidente galego valorou a importancia das actuacións da Xunta no concello pontevedrés entre as que destacou a construción da nova escola infantil na parroquia de Seixo que contará con 41 prazas e abrirá ao longo do presente curso escolar; as obras de mellora e conservación dos centros educativos por importe de 1,26 millóns de euros; así como outras iniciativas na área de benestar e en materia de emprego, que contaron cun apoio da Xunta de 1 e 2 millóns de euros, respectivamente.

Deja un comentario