+034 986 09 02 04 Domingo 25 de Outubro de 2020

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra visibilizou anoite a dor polar perdas perinatais iluminando a fachada do Hospital Provincial para conmemorar o Día do Recordo


Natalia Alonso Martínez, supervisora da Unidade de Partos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, subliña a importancia da empatía para coas nais e pais, o acompañamento, a continuidade da atención e o fomento da asistencia individualizada
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra adheriuse onte, xoves 15 de outubro, á conmemoración do Dia Mundial da concienciación sobre a morte xestacional e perinatal, iluminando a fachada principal do Hospital Provincial para visibilizar a dor polas ditas perdas .

Cómpre sinalar que estas mortes perinatais e xestacionais son perdas que se producen nun amplo período: bebés que falecen intrautero ou incluso despois do alumeamento. Tamén se producen perdas temperás, nas primeiras semanas de embarazo e perdas ao final do período xestacional. Prodúcense así mesmo de xeito espontáneo ou por interrupción do embarazo. En todas elas o dó perinatal vai maís aló dos datos estatísticos de mortalidade.
Segundo sinala Natalia Alonso Martínez, supervisora da Unidade de Partos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, para as nais e pais a perda -ou morte xestacional ou neonatal- é unha experiencia tremendamente dura. “Hoxe en día, no noso contexto asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, somos conscientes máis ca nunca da importancia da empatía, o acompañamento, a continuidade da atención e o fomento da asistencia individualizada. Lograr un proceso autónomo de toma de decisións por parte das mulleres e as súas parellas -xa sexan de tipo clínico, ou relacionadas co coidado do bebé, incluso sobre a súa despedida, por exemplo- é de alta importancia”.
Atención ao dó e ao coidado do bebé falecido
Natalia Alonso engade que tanto a atención e acompañamento nesa perda, o coidado do bebé falecido tras o parto e o seguimento posterior representan procesos importantes tanto a nivel individual como polo seu papel en canto á validación social da propia experiencia do dó.
“O noso traballo de equipo no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra nestas situacións revela que a maioría de nais e pais confirman os beneficios de ver, coidar e poder despedirse do seu bebé tras a súa perda. É un tempo que lles permite exercer de pais, coidar ao seu fillo e asegurarse de que teña unha despedida conforme ás súas crenzas. Os obxectos de recordo do bebé e do seu tempo no hospital -fotografias, pegadas dunha man ou pe, mechóns de pelo, etc- representan recursos dun alto valor, que favorecen o proceso de dó coma casuística adaptativa que se produce nas perdas”.

Deja un comentario