+034 986 09 02 04 Sábado 24 de Outubro de 2020

A Brea-Ameal xa conta cunha nova iluminación, que mellora a visibilidade e a seguridade viaria na zona


A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Pablo Novas e Raquel Soage visitaron esta mañá o lugar no que se instalaron as novas luminarias, onde se duplicaron os puntos de luz.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os concelleiros Pablo Novas e Raquel Soage visitaron esta mañá a obra de renovación total do alumeado público na zona da Brea – Ameal, unha actuación que se enmarca no esforzo que está a realizar o Goberno local na substitución do alumeado público da vila por novas alternativas máis eficientes.
Segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, “con este proxecto aumentáronse practicamente ao dobre os puntos de luz existentes. Con iso conseguimos mellorar substancialmente a visibilidade nesta estrada, unha demanda moi importante dada a mellora que tamén se conseguiu na seguridade viaria”.
As luminarias instaladas contan con tecnoloxía LED, redundando así en mellores cifras de aforro enerxético. Tamén se renovaron os cadros de alumeado e se mellorou a estética dos puntos de luz.
Os traballos foron levados a cabo pola empresa SETGA, por un importe total de 30.250,00 euros.
Con este proxecto, o Concello avanza na mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública, un obxectivo moi importante que ten marcado o Goberno local, pero que neste caso vese reforzado pola necesidade que existía de dotar a esta infraestrutura viaria do rural dunha mellor visibilidade e, por tanto, de máis seguridade para a mobilidade da veciñanza.

Deja un comentario