+034 986 09 02 04 Mércores 28 de Outubro de 2020

O PP recorda á Deputación que o acordo plenario para a Escola de Cantería era reclamar a actualización do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, non expedir un certificado de profesionalidade


Mantiveron unha reunión con representantes da Asociación de Canteiros de Poio, que amosaron a súa oposición ao certificado de profesionalidade. Reclaman un título de formación profesional educativa.
O grupo provincial do Partido Popular recorda que hai xusto un ano a corporación da Deputación de Pontevedra aprobaba por unanimidade, a través dunha moción presentada polo PP, reclamar ao
Goberno central a actualización do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e deste xeito, poder homologar as ensinanzas de canteiro e mestre de canteiro que se imparten na Escola de Poio.
Por iso, o voceiro Jorge Cubela amosa a súa sorpresa polo anuncio, a través dunha reportaxe publicitaria, de que a Deputación vai conseguir o certificado de profesionalidade para o centro, “unha capacitación profesional para a que non é preciso estudar cinco anos nunha escola”.
Esa sorpresa tamén a amosaron os representantes da Asociación de Escola de Canteiros de Poio, nunha reunión que mantiveron cos deputados provinciais Jorge Cubela, Pepa Pardo e Elena Estévez, os deputados nacionais María Ramallo e Javier Bas e a senadora Pilar Rojo. Cubela recordou que o acordo
aprobado na Deputación pasaba por defender en Madrid os intereses do alumnado e dos mestres. “Quen ten as competencias para facer esta actualización do catálogo de titulacións é o Estado e, se a Deputación de Pontevedra é a titular da escola, o lóxico e normal é que sexa a institución provincial a que comece as negociacións para que ese catálogo se actualice, por iso non entendemos por que agora se desdí, parece que vai incumprir ese acordo plenario e se conforma cunha certificación profesional. Tiraron polo camiño máis fácil”.

 

Así, os deputados populares comprometéronse a preguntar na Deputación como está o expediente, para comprobar en que punto da tramitación se quedaron. E insistiron en que se reclama un título de formación profesional educativa, non unha cualificación profesional. “Para recibir unha cualificación profesional non é preciso estar cinco anos nunha escola. Con traballar nun taller, pagar unhas taxas e presentarse a un exame é suficiente”.

Cubela recorda que “a Escola de Canteiros é un buque insignia da Deputación, un centro único en Galicia que conta con grande prestixio e recoñecemento a nivel nacional e internacional e, polo tanto, é fundamental que tamén se plasme este recoñecemento a través dunha titulación específica. Esta iniciativa é fundamental para o futuro da escola, dos alumnos e dos mestres”.
A maiores, os deputados nacionais e senadores do PP de Pontevedra comprometéronse tamén a presentar sendas iniciativas no Congreso e no Senado para reclamar ao Ministerio de Educación que actualice o catálogo de titulacións.

Deja un comentario