+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

Un novo audiolibro narra o encontra coa música do neno Rogelio Groba


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron este serán en Ponteareas na presentación do proxecto “O neno Groba e Música”
A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron este serán no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, na presentación do libro-disco O neno Groba e Música, editado pola Fundación Rogelio Groba co apoio da Xunta.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a inxente produción de Rogelio Groba, “non só como compositor de pezas galegas orixinais con raíces na terra, senón tamén como profesor e impulsor da música entre a xente nova de Galicia a través de bandas, conservatorios ou da Orquestra Sinfónica de Galicia”. Castro destacou, ademais, o exemplo que representa o compositor ponteareano “exemplo da forza de vontade, paixón e traballo para acadar o seu soño de infancia, o de dedicar a súa vida á música”.
Xunto cos representantes da Xunta, participaron na presentación do audiolibro Lidia Fraga, autora dos textos; Julio Seijas, ilustrador; Rogelio Groba Otero, director musical do traballo e fillo de Rogelio Groba Groba; e Xosé Represas, alcalde de Ponteareas.
Libro e disco
O neno Groba e música é unha publicación da Fundación Rogelio Groba que -baixo a dirección musial de Rogelio Groba Otero e a través da palabra da guionista Lidia Fraga, dos debuxos do ilustrador Julio Seijas, da voz do actor Luís Iglesia e da música do propio Rogelio Groba Groba interpretada pola Orquestra Sinfónica de Londres, a Orquestra de Cámara Galega e a Banda Municipal de Música da Coruña- amosa o descubrimento do neno Groba cando atopa na música a súa paixón vital.
Inclúe, por unha banda, un conto ilustrado de 48 páxinas que conta a vida do mestre Groba para que os nenos e nenas coñezan dun xeito lúdico as dificultades dun rapaz nado en 1930 nunha aldea galega para converterse en músico e comprendan o valor do tesón e do traballo para realizar os propios soños. Por outra banda, contén un CD en que se pode escoitar a narración na voz do actor Luis Iglesia intercalada cunha escolma de composicións seleccionadas polo propio Rogelio Groba.
Rogelio Groba
Rogelio Groba (Ponteareas, 1930) é un dos músicos galegos máis importantes desde mediados do século XX e un dos máis prolíficos, con máis de 500 obras catalogadas, que inclúen música sinfónica, de cámara, coral ou para piano. Dirixiu en Galicia as bandas municipais da Estrada, Tui, Ponteareas e A Coruña, así como as corais polifónicas Follas Novas e El Eco. Foi promotor e compositor asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia e profesor e director do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Recibiu numerosos premios, como o da Crítica Galega (1992), a Medalla Castelao (1995), o Premio Internacional Auditorio de Galicia (2004) ou o Premio da Cultura Galega de Música (2011).

Deja un comentario