+034 986 09 02 04 Luns 23 de Novembro de 2020

O goberno de Nigrán presentará unha moción no vindeiro pleno esixindo á consellería de Sanidade un cambio urxente no Sistema de Atención Primaria


A moción foi elaborada pola plataforma SOS Sanidade Pública e, entre outras cousas, demanda reimplantar de inmediato as consultas presenciais establecendo medidas de seguridade nos centros

O goberno de Nigrán presentará no vindeiro pleno ordinario de novembro unha moción elaborada pola plataforma SOS Sanidade Pública na que se alerta á Xunta da necesidade de reforzar a Atención Primaria e de cambiar o actual sistema de consulta telefónica. Por este motivo, o alcalde, Juan González, e o edil de Seguridade, Rubén Rial, mantiveron esta mañá un encontro con Jesús Araujo Nores, membro de SOS Sanidade Pública e da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).

A moción recolle a situación sanitaria insostible nos centros de saúde, sen consultas presenciais e só con citas telefónicas que acumulan demoras de 10-12 días. «Temos moitas queixas dos veciños ao respecto, especialmente de persoas maiores. Non se pode manter por máis tempo a consulta exclusiva telefónica, estase a adiar o diagnóstico de patoloxías non covid graves que, precisamente, requiren de celeridade no tratamento», sinala o alcalde, Juan González, quen considera que “pasados xa bastantes meses desde o inicio da pandemia, compre que a Xunta estableza protocolos anti-covid nos centros de saúde para retomar as consultas presenciais”. Segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, debido a estas dificultades para acceder ao sistema de saúde estímase nun 25% o aumento da mortaldade por enfermidades non covid.

Así, entre outros aspectos, a moción insta á Consellería de Sanidade a establecer un protocolo anticovid en cada centro para poder reabrilos con atención presencial e desdobrando consultas para reducir a lista de agarda. Ademais, requírese o aumento urxente do orzamento destinado a Atención Primaria; acabar coa precariedade do persoal contratado; e maior transparencia na información sobre as listas de agarda, tanto diagnósticas como cirúrurxicas (cun plan de choque urxente para reducir o gran número acumulado nestes meses).

Todo este colapso que está a sufrir o sistema só favorece á privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior poder adquisitivo aos seguros privados. “Agora, máis que nunca, debemos reclamar todos xuntos o reforzo da sanidade pública como un ben universal e innegociable”, finaliza o alcalde, Juan González.

Deja un comentario