+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación instalará unha glorieta no acceso a Príncipe Felipe para mellorar a seguranza viaria da zona


A actuación terá un orzamento de 550.000 euros e preténdese que estea licitada antes de finalizar o ano

O deputado provincial de Infraestruturas, Uxío Benítez, anunciou a instalación dunha nova glorieta no acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe coa finalidade de mellorar a seguranza viaria no contorno. Benítez asegura que un dos eixos estratéxicos do organismo provincial neste mandato é garantir a seguridade viaria en todas as vías e instalacións provinciais, así como colaborar con outras administracións para eliminar puntos negros da rede de estradas. Por este motivo, dixo, “queremos dar exemplo e solucionar un problema histórico cuxa solución se ven reclamando dende hai anos”.
O cruce de entrada á cidade infantil Príncipe Felipe, organismo dependente da Deputación de Pontevedra ao que acceden numerosos autobuses, coches e persoas a pé (en total entre 1.500 e 2.000 usuarios cada día), está situado nunha curva, polo que se producen constantes incidentes e colisións. Ademais dos problemas de seguranza para os vehículos, os peóns teñen serios riscos ao transitar polo contorno, xa que unha das marxes da calzada non ten beirarrúas e sempre está ateigado de coches aparcados, polo que as persoas teñen que ir pola calzada.
A actuación que levará a cabo a Deputación prevé solucionar estes problemas. A glorieta permitirá unha mellor e máis fácil incorporación e saída dos vehículos que van ao centro, ademais de servir como medida de calmado do tráfico na zona (evitando altas velocidades na vía de subida a Montecelo dende a estrada a Ponte Caldelas). Así mesmo, construiranse amplas beirarrúas na parte exterior que permitirán un mellor tránsito peonil.
A rotonda terá un diámetro de 40 metros e para a súa instalación será preciso utilizar parte dos terreos da cidade infantil. De feito, o punto central estará no lugar que agora ocupa a caseta de control de acceso aos diferentes edificios.
A execución dos traballos comezará tan pronto sexa posible. Xa está elaborado un anteproxecto da obra e nos vindeiros días iniciarase a redacción do proxecto definitivo. A intención do deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, é que nos últimos vindeiros meses se resolva a contratación e a construción da glorieta poida estar adxudicada a unha empresa antes de que remate o ano.
Polo de pronto, estase a xestionar a partida orzamentaria para facer fronte ao gasto, que será de 550.000 euros obtidos grazas a unha modificación de crédito que se aprobará no Pleno provincial deste mes. A mesa de contratación estudará despois as ofertas recibidas que, de seguro, presentarán melloras económicas e de proxecto con respecto ás bases da licitación.
Uxío Benítez lembrou que a execución desta obra suporá unha mellora clara na seguranza viaria da zona para veciños e usuarios da cidade infantil, así como para tódolos veciños da provincia que se achegan ata o hospital Montecelo dende a estrada de Ponte Caldelas. “É un proxecto que xa se plantexara cando era presidente da Deputación Manuel Abeledo. Leva moito tempo de atraso”, lembrou o nacionalista.

Deja un comentario