+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

Mozos de Anceu interpretaron a danza tradicional trala procesion en honor á Virxe das Dores


O bo tempo acompañou a representación deste baile ancestral que foi seguido por numeroso público entre o que se atopaba o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz e o tenente de alcalde Enrique Vidal

As Festas das Dores en Anceu alcanzaron a súa máxima plenitude coa interpretación da danza tradicional ou “danza celta” a cargo dos mozos desta parroquia de Ponte Caldelas. Ao finalizar a Misa Solemne os danzantes formaron na explanada da igrexa e dedicaron varias reverencias á Virxe das Dores, portada por varios devotos que iniciaron a procesión entre o templo e o campo das festas.

A procesión contou coa presenza de numeroso público, entre o que estaba o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, e o tenente de alcalde Enrique Vidal e estivo acompañada polos acordes da Banda de Música de Tenorio e o grupo de gaitas Os Alegres de Pontevedra quen foron tamén os encargados de poñer a música ás danzas interpretadas no campo da festa de Anceu.

Unha vez concluída e situada a imaxe da Virxe das Dores nun lugar destacado do campo da festa, baixo a supervisión do cura párroco de Anceu, tivo lugar a interpretación desta secular danza.

Os mozos da parroquia contribúen coa súa dedicación e ensaios a manter viva esta tradición das chamadas Danzas Brancas que tamén teñen a súa expresión en lugares como Marín (Danza dás Espadas), Carril (Vilagarcía) ou os Danzantes de Cobas, en Meaño. De feito un dos participantes, Bareta, desprazouse ex profeso desde Lisboa para non faltar á esta tradicional cita. Entre os compoñentes do grupo de danza tamén se atopa o fillo maior do alcalde de Ponte Caldelas, natural de Anceu.

Os integrantes deste grupo de danzantes bailaron ao son da musica tradicional interpretada por Os Alegres de Pontevedra, portando colorísticos arcos adornados con cintas multicolores entrelazando as súas coreografías os elementos que portan facendo que o espectáculo e a pericia dos participantes levanten a admiración e o aplauso do numeroso público presente. Tamén usaron paus e castañuelas que foron accionando durante a súa interpretación para levar o compás e o ritmo das danzas postas en escena ante centenar de devotos da Virxe das Dores da parroquia de Anceu e doutras limítrofes.

Andrés Díaz felicitou aos mozos que participan neste evento e animounos a seguir conservando e transmitindo ás novas xeracións esta tradición que, aínda que conta con mozas dispostas a bailar e continuala, xa resulta máis complicado no tocante aos varóns, recollendo a preocupación expresada por algún membro da comisión de festas que compartiron co alcalde parte da xornada festiva.

Deja un comentario