+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xullo de 2019

A Xunta reúne ao gobernador de Tlaxcala e á automoción galega para buscar oportunidades de negocio conxuntas


Previamente, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o xefe do Executivo de Tlaxcala, Mariano González Zazur, e máis dunha ducia de auxiliares da automoción, mantiveron un encontro en San Caetano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse co gobernador do estado mexicano de Tlaxcala, Mariano González Zazur, que previamente asistiu en San Caetano a unha xuntanza con máis dunha ducia de representantes da industria auxiliar da automoción galega, nun encontro no que participou o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

Tanto a reunión que o xefe do Executivo rexional mexicano mantivo con Feijóo, como a xuntanza previa co conselleiro e as compañías galegas, serviron para analizar as oportunidades de negocio conxuntas que se abren en Tlaxcala; un Estado que está a experimentar un notable crecemento da industria automobilística grazas, en parte, á proximidade da factoría de Volkswagen no Estado de Puebla, e á que Audi está a construír nesa mesma rexión.

Durante a reunión co sector, na que tamén tomaron parte a secretaria de Desenvolvemento Económico (SETYDE), María Adriana Moreno Durán, a directora de Industria, Kathya Elizabeth Torres Vázquez, e a directora para España de Proméxico, Ximena Caraza Campos, tratáronse as diferentes liñas de actuación que está a seguir este Estado mexicano para impulsar a implantación de novas factorías automobilísticas. E, así mesmo, os principais produtos fabricados en Tlaxcala, como pezas interiores de plástico inxectadas de gama media e alta, paneis e consolas -incluíndo o acabado por pintura-, acabados de pancas, volantes e interiores en coiro e vinilo, asentos, arneses eléctricos, e partes estampadas e troqueladas.

O presidente da Xunta salientou a importancia deste encontro de proxección internacional porque se produce nun momento en que a industria de compoñentes galega está a consolidar unha crecente tendencia exportadora, diversificando a súa clientela en mercados de todo o mundo e exportando a outros países o 40% da súa produción.

Ese potencial exportador tense reflectido no incremento das vendas galegas ao exterior do mes de xullo, cun crecemento do 12,3% con respecto ao mesmo mes de 2014, consolidando unha evolución que está a facer de 2015 un dos mellores anos da traxectoria exportadora de Galicia.

Deja un comentario